Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os bancos sempre gañan

    CAMILO Varela Guerra, “soldado de segunda, pois non o había de terceira, obrigado pola xustiza a guerrear en África” (levárono preso, segundo contaba) era dos Fidalgos de Sa, pero sempre estivo, ao seu xeito, contra o mundo, dotándose dunha filosofía moi particular. Cando xa estaba ben maior, enfermou de bronquite e encamou. O meu pai foi visitalo. Tiña todas as menciñas na mesa de noite sen sequera abrilas.

    O Xavier díxolle que debía tomar a medicación, senón que podía empeorar. E o Señor Camilo respondeulle:

    –Sabes o que che digo: eu vou ao médico porque o médico estudou e ten que vivir do seu. Merco as menciñas porque o farmacéutico estudou e ten que vivir do seu... E non as tomo porque tamén estudei o meu corpo e tamén teño que vivir; nunca me rendín. Pero se ti mo pides, por unha, vez tómoas.

    E sen que o meu pai fose quen de facer nada por impedilo, colleu un xarope, abriu a botella e enguliuno todo dun grolo exclamando: “agora que o corpo reparta”!.

    Lembrei del esta semana cando tiven que ir “rescatar” un pequeniño plano de pensións, que fixera hai ben tempo e ao que levaba anos sen aportar nada.

    Pois resulta que perdín máis dun 10% do diñeiro que metera. Pero se contamos o que me cobrou o banco todos estes anos por “xestionar” ese plan de pensións, o meu diñeiro quedou en menos dun 60%, sen contar o pagamento a Facenda, que o reduciu outro 25%. E pregunto: “como é posíbel que o “meu” banco gañase todos estes anos máis do 1.000% e perdesen máis do 40% dos meus aforros?

    Non teño nada contra que os bancos gañen cartos. Para iso existen. Pero fano á miña costa. Aínda por encima pretenden que eu realice todas as xestións desde a miña casa e despiden a miles de empregados cuxas pensións tamén pagamos cos nosos cartos. E cando van mal, hai que rescatalos, sen que eles devolvan o diñeiro.

    Tampouco teño nada contra que as enerxética gañen diñeiro aínda que asolagasen os nosos mellores vales, se non fose que nos castigan á pobreza volvendo aos tempos nos que a xente pasaba frío á luz do candil. Eu prefiro loitar ca renderme, señor Camilo.

    05 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.