Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os desafíos do Museo do Pobo Galego

O poder que os museos en xeral teñen para representar a identidade cultural de un grupos humano é unha cuestión xa antiga. Os museos representan a vida da xente en sociedade e as diversas formas de convivencia en comunidades cada vez máis multiculturais. Eles son un elemento básico para analizar como unha sociedade se imaxina a si propia e se proxecta no mundo con imaxinación, pero tamén son un instrumento de comprensión, cementación e cohesión social. Os museos contribúen en primeiro lugar á creación de referentes de identidade colectiva, en segundo lugar a lexitimar unha determinada visión do patrimonio cultural, en terceiro lugar a promover a produción de versións e visións do pasado e tamén a interpretación intercultural de identidades, e en cuarto lugar, os museos son institucións chamados a desenvolver territorios, dinamizar comunidades e hoxe tamén a promover o turismo.

O Museo do Pobo Galego (MPG) é o museo de referencia da identidade, da historia e da antropoloxía galegas, o museo cívico de tod@s os galeg@s, sen exclusión. Con motivo da recente renovación dos membros da presidencia do Padroado o día 28 de maio de 2022, convén reflexionar sobre os desafíos que este ten por diante e o novo camiñar que ten. O MPG foi criado en 1976, recollendo unha idea do SEG (Seminario de Estudos Galegos) dos anos 1920 e é a primeira vez que unha muller, Concha Losada, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, presidirá unha das institucións máis prestixiosas de Galiza. Considero isto unha magnífica noticia para o museo e para Galicia. Ela e o seu equipo teñen unha longa e profunda experiencia de xestión do museo, pero tamén un compromiso, intelixencia social, paixón e esforzo demostrados no exercicio previo de varias funcións de xestión do museo. E isto é importante porque as organizacións son feitas de persoas, con persoas e para as persoas. É este factor humano que garante a continuidade do excelente traballo e mestría da anterior presidencia, liderada polo profesor Xusto Berameendi.A contracorrente de algunhas teorías museolóxicas, penso que o máis importante dos museos non son as súas coleccións senón a formación e visións do mundo dos seus profesionais.

Pero tamén é certo que o MPG tamén ten agora a oportunidade non só dunha renovación tranquila senón da construción dunha ambición maior.A que me refiro con ambición maior? Pois a un conxunto de desafíos que o MPG está e terá que afrontar máis tarde ou máis cedo e que sintetizo a continuación:

1. Desafío da xestión interna.

2. Desafío do liderado externo.

3. Desafío da comunicación e a dixitalización.

4. Desafío de organización dos espazos.

5. Desafío da proxección social do MPG.

O primeiro desafío é o fortalecemento da xestión interna en tempos de co-liderados democráticos. Para iso o museo necesita de algún profesional cualificado máis, especialmente para a área de comunicación das diversas actividades do museo, e tamén para a área de investigación e de xestión de proxectos, especialmente europeos. Se comparamos o MPG cos museos semellantes en outras comunidades autonómicas ou tamén no estranxeiro (ex. Museo Etnolóxico de Valencia, Museo de Historia de Cataluña, Museo Etnográfico de Castilla y León, Museo del Pueblo Asturiano,Museu do Douro, etc.), vemos como eses museos teñen moito máis persoal a traballar neles e con a suficiente estabilidade laboral, algo que lles permite desenvolver máis proxectos e programas de calidade a medio e longo prazo cunha forte apropiación social deses proxectos.

Se ben é certo que os profesionais do MPG presentan unha capacidade excepcional de traballo que fan que o MPG cumpra as súas funcións con mérito destacado, os profesionais precisan de ser escoitados, coidados e estimulados no seu valioso e comprometido traballo. Sen eles dificilmente haberá museo e un director non pode facer todo. As limitacións están claras, o facto do MPG non ser un museo de titularidade pública, e aínda que sexa moi apoiado polas institucións públicas de Galicia, obriga aos responsables da dirección do museo a utilizar fórmulas moi creativas, cooperativas e imaxinativas para dar andamento aos proxectos e programas de actividades que tanta eficacia social, cultural, económica e educativa traen para os seus usuarios.

Este é un debate que ven de antigo, xa polo menos dos tempos en que Isaac Díaz Pardo era presidente do Padroado, quen reclamaba a incorporación do centro á administración pública, fronte á posición do director da época Carlos García, quen defendía manter a independencia dos poderes públicos. E independentemente das posturas neste debate e das fórmulas de xestión e posibilidades de organización do MPG, as necesidades de reforzo do persoal técnico son evidentes, para que o museo teña aínda máis vitalidade e siga cumprindo as súas funcións sociais e fronte ao aumento das demandas sociais e comunitarias.

O segundo desafío é o do liderado externo. A que me refiro con isto? A algo que o seu director, o antropólogo Manuel Vilar, afirmou moi ben o 13 de maio de 2022 no Museo do Mar de Vigo no ámbito da inauguración dunha exposición de Paula Ballesteros sobre as Illas Ons, e é que o MPG non é o museo de Santiago de Compostela, é o museo de Galicia e de todos os galegos, e para ai ten que traballar. Para que todos os galegos usufruan e desfruten do MPG, este debe ser pensado como un museo rede e un museo en rede, na óptica do lexislado na relativamente recente nova lei de museos de Galicia. È dicir, o MPG polo seu alto grado de prestixio, consenso e identificación dos galegos para con el, está chamado a proxectarse con forza por todo o país e tamén fora de Galicia. É así que a cultura galega será máis coñecida, mellor interpretada e máis comprendida, rompendo así os estereotipos que limitan a nosa acción social, cultural, política, empresarial e turística no exterior de Galicia.

O terceiro desafío é o da comunicación e a dixitalización das súas actividades. O MPG ten por diante adaptarse á nova sociedade dixital, reforzando así o seu sentido de lugar (espazo de encontro físico e social) na súa sede central en San Domingos de Bonaval (ex. o MPG conta cunha biblioteca especializada en cultura galega e antropoloxía sociocultural de máis de 100.000 volumes e tamén un arquivo documental e fotográfico, todo un patrimonio), e complementando este coa presenza de outra forma nas redes sociais dixitais e na Internet.

Nesta sociedade dixital en que vivimos, o MPG non pode seguir sendo só un excelente depositario de materiais culturais, a memoria e a historia cultural das tradicións de Galicia, senón que o MPG está chamado a reforzar a visita virtual a través da Internet, a tradución da súa páxina weba outros idiomas, a introdución de contidos e experiencias de realidade virtual e aumentada, etc. Para entender os seus fondos e provocar a reflexión nos seus usuarios sobre as mudanzas sociais e culturaiscompre traballar en novas estratexias de comunicación interactivas, que agreguen valor e para seguir atraendo os máis novos para o coñecemento, comprensión e identificación co MPG e o que representa.

O cuarto desafío a considerar é a organización dos espazos do MPG. Se anteriormente falamos da importancia de ocupar un maior espazo virtual na Internet, aquí quero reflexionar sobre a oportunidade da compra do novo almacén en Boqueixón e a ampliación de 800 metros cadrados nas súas dependencias centrais de San Domingos de Bonaval, co apoio do Consorcio de Santiago, a Xunta de Galicia e outras institucións públicas e privadas. Este crecemento e ampliación representa xa en si un enorme desafío. Os espazos están a ser enchidos de contido e función, e garántese unha sustentabilidade e durabilidade responsable para o MPG que terá seguramente o seu retorno no fortalecemento das relacións coa sociedade. Ter máis espazos significa máis posibilidades de organización das oficinas, talleres, salas de exposicións, de reunións, auditorios, investigación,multiusos, etc. pero tamén máis responsabilidades e máis necesidade de persoal para investigar, discursar e reflexionar sobre a pluralidade de identidades galegas no mundo, as súas relacións e cosmopolíticas.

O quinto desafío ten a ver co proxección social do MPG. O MPG ten que converterse nun museo metabólico. El é un espello, unha xanela e un escaparate da identidade cultural galega, entendida esta de forma polisémica. Pero o MPG debe non ser apenas espello da nostalxia do pasado senón un lector crítico dos problemas do presente e mostra dos futuribles e das posibilidades culturais de futuro. O MPG pode crear ou incorporar unha mirada científica comprometida cos problemas sociais, culturais, económicos e ambientais do presente, ben a través do seu Instituto das Identidades ou de outras fórmulas de cooperación e organización da investigación. Para iso é necesario fortalecer a relación coas universidades galegas e os seus centros de investigación, pero tamén co resto dos museos galegos, empezando polo seu veciño o CGAC e continuando coa Cidade da Cultura de Galicia. A imaxe de institución moderada do MPG pode tamén conxugarse e articularse co papel de instrumento de mediación e diálogo entre a diversidade de posturas e imposturas creativas dos axentes sociais galegos, o que posibilitaría ao meu ver aumentar a súa proxección social e educativa. Finalmente, esta proxección social ten que se facer necesariamente a través da cooperación con outros museos ibéricos e europeos con contidos, filosofías e obxectivos semellantes. É este un traballo en rede e parcería que esixe tempo e persoal para proxectar o MPG non só para os galegos (analoxía do espello), senón para todo o mundo (metáfora escaparate), por exemplo a través do turismo ou da presenza de exposicións do MPG noutros territorios alén da Galicia autonómica. Proxectar así o MPG non é a proxección dunha institución privada, é proxectar a identidade cultural galega no mundo, unha enerxía limpa e renovable dun enorme poder afectivo e efectivo.

12 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito