Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 31 octubre 2020
01:01
h

Os problemas dos fondos europeos

    O 21 de xullo último, o Consello Europeo aprobou os fondos Next Generation, que achegarán á reconstrucción económica da Unión Europea (UE) 750.000 M€, dos que 390.000 M€ serán achegas e 360.000 M€ préstamos. Agás 77.500 M€ de subvencións aos programas REACT-EU e outros sociais e estruturais todas as demáis subvencións –312.500 M€– e o 100% dos préstamos –750.000 M€– encádranse na RRF (programa de recuperación e resiliencia).

    A decisión constitúe un fito na historia dos programas de cohesión económica da UE, pois que será pagado con fondos obtidos dunha emisión de bonos directos da UE. Xúntase, ademáis cos programas de préstamo de até 540.000 M€ aprobados pola UE en abril 2020 para gastos de sanidade (240.000 M€), préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) para as pemes (200.000 M€) e os 100.000 M€ para despesas na protección ao desemprego. Mais todos estes fondos e programas teñen varios problemas graves. No ámbito europeo, cómpre sinalar que os programas de abril son vía préstamo e que 360.000 M€ (uns 67.000 M€ no caso do Estado español) dos Next Generation tamén, o que incrementa substancialmente o endebedamento en gastos que só reducen a feble estrutura do Estado canto aos servizos sociais, sanitarios e de emprego.

    Alén diso, a decisión definitiva sobre os fondos Next Generation ha de se consensuar entre a Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo, o que adiará substancialmente a chegada dos mesmos até a fin do 2021. Para máis as subvencións non se aboarán mentres non se xustifique ao 100 % o investimento do Estado Membro beneficiado e máis a súa suxeición á condicionalidade. Unha condicionalidade ben interesante no que atinxe á promoción de reindustrialización, da xeración masiva de enerxía verde e máis da dixitalización e enforzamento das Administracións Públicas, mais que imporá tamén gravames canto á redución das pensións ou da cobertura do desemprego.

    As Administracións estatal e autonómica galega, pola súa banda, teñen chatas importantes canto á súa capacidade para aprobar programas e chequear a súa execución para acadar as subvencións Next Generation. Lembremos que a Xunta non foi quen máis ca de gastar o 38% do 322 M€ asignados ao noso País polo FSE (2014-2020) e só o 37% dos 913 M€ asignados polo Feder no devandito periodo.

    Nin a UE nin o Estado español garanten a territorialización dos fondos. Pola contra, prímanse nomeadamente a poboación e o inverso do PIB por habitante. De calquera xeito, a Galicia lle cumprirían un mínimo de 8400 M€ por poboación entre préstamos e achegas, algo máis de 7.000 M€ só no RRF. Moito diñeiro, a contía do orzamento da Xunta neste 2020. Malia todo, ésta sería unha cantidade abertamente insuficiente se temos en conta a febleza dos nosos servizos sociais e sanitarios e das nosas estruturas económicas. Velaí a esixencia do BNG de que os fondos cheguen ao noso País na contía mínima do 9% dos 140.000 M€ que virán ao Estado. É dicir, 12.600 M€.

    Porén, o problema fundamental é a falla tanto desta garantía efectiva de territorialización como de que as grandes empresas do Ibex 35 (nomeadamente Repsol e as grandes distribuidoras eléctricas) non monopolicen, fronte ao fulcral tecido de pemes e á obrigada distribución territorial, este reparto dos fondos, valéndose da súa privilexiada relación co efe do Estado, co Goberno do Estado e coa oposición.

    18 oct 2020 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.