Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os retos que nos deixa o ano da pandemia

    Con toda seguridade o ano que deixamos atrás será lembrado polos efectos do covid-19, e non só polas consecuencias no ámbito sanitario: millóns de contaxios e mortes e persoas con secuelas, que reflicten a fraxilidade dos seres humanos. Lembrarémolo tamén porque deixou en evidencia os límites do capitalismo, así como dos hábitos e o modo de vida actuais. Estaba prevista unha nova crise do sistema, afirmábase que polo carácter astronómico da débeda; mais tamén pola estrema centralización e concentración da riqueza e do poder, que agravou a precariedade e desigualdade, minguando o medre do PIB, acentuando en todos os ámbitos a disputa entre as grandes potencias.

    Polo tanto, malia os avances científico técnicos, que moitos consideran a solución de todos os atrancos e eivas, estoupou co virus a globalización neoliberal. A pandemia puxo en primeiro plano: a desfeita da natureza, a cuestión climática, o amoreamento urbano, a mobilidade estrema, as migracións masivas e forzadas, o desequilibrio demográfico, a economía de escala... Daquela que se evidenciasen as contradicións das unificacións feitas en función do mundo empresarial, como a da UE, porén tamén noutras zonas do mundo.

    Que se conte a esta altura con vacinas para atallar o covid-19, implica un salto cualitativo na loita contra a pandemia, porén non se pode obviar que no actual sistema económico e social están dadas as condicións para que se repitan e expandan aceleradamente novos virus, mesmo máis agresivos. Máxime cando a OMS di que hai que contar con eles no futuro. E esta posibilidade tan perigosa non se elimina, nen se reduce drasticamente, só con máis investimento en sanidade preventiva e con máis medios en investigación (aínda que ambos son necesarios e urxentes!). Cómpre ademais, e fundamentalmente, optimizar o equilibrio entre a natureza e a actividade produtiva así como modificar o comportamento das persoas. E isto vai para alén da enerxía verde e evitar a deforestación, afecta de cheo o capitalismo como sistema económico e social.

    Son transformacións que que se deben facer e que levaran tempo, nas que nos xogamos o futuro, e que necesitan do arroupe de maiorías conscientes. Unha vontade popular que só se pode garantir a través de aumentar os espazos democráticos, para asegurar a participación e o protagonismo das clases subalternas. Mudando deste xeito a correlación de forzas e o estado de animo. E isto é todo o contrario do que se desenvolveu coa globalización neoliberal, onde as corporacións, os organismos internacionais non electos, e as grandes potencias, teñen máis poder e un relato dominante, e cada vez máis afastado da realidade das maiorías. Mesmo ali onde a escolla faise por medio de procesos electorais estes están a maioría das veces secuestrados polos poderes fácticos internacionais e locais. E a actividade política delegase en cúpulas partidarias desligadas das loitas sindicais e sociais, do debate das cuestións estratéxicas, da socialización dos proxectos de futuro superadores das agudas contradicións actuais.

    Nos proxectos para obter fundos da Unión Europea (Next Generation) deberían as propostas que presenten os governos deberían ser estratéxicas, co obxectivo de superar a crise orixinada polo covid-19. Agora ben, os acordos previos e os proxectos presentados só reflicten as reformas insalvábeis e urxentes (enerxía verde, dixitalización, sanidade, dependencia...). Non se propoñen cambios de fondo no sistema, deixando en evidencia as tendencia dominantes de cada clase social e nación na UE. Esta é a razón pola que nos proxectos presentados até o momento só Italia inclúe transformacións tan básicas como potenciar a economía circular, aínda que nun segundo plano.

    A anterior non é unha cuestión menor, por exemplo para a nación galega, xa que unha parte esencial do sector industrial, como o do aluminio e naval, están sendo duramente golpeados, e a maior parte das actividades produtivas teñen un papel subalterno en cadeas de valor internacionalizadas. Unha dinámica que foi crecendo coa globalización neoliberal, e cun forte custe no emprego, precariedade e desigualdade, no PIB e na demografía para o noso país, e que implica ademais un control foráneo da actividade económica. Asemade, desenvolver economías circulares ou autocentradas é esencial para rebaixar a mobilidade (o consumo de enerxía, e o desequilibrio territorial), e para facer fronte a situacións de pandemia, desfeitas climáticas, conflito armados, etc. porén sobre todo para gañar en soberanía e desenvolver a economía, e avanzar a unha sociedade máis xusta. Non se trata de poñer atrancos á internacionalización, senón de colocala ao servizo de todos os povos do mundo.

    Ficamos nunha conxuntura, na que a centralización e concentración da riqueza e do poder é enorme, así como o control do relato (abonda con ver como unhas poucas empresas acaparan o mundo dixital). Mesmo así, non se pode ignorar ou minivalorar a importancia dos conflitos entre potencias, e no seu interior, e que van a máis as protestas laborais e sociais no mundo, así como o afastamento da xente das institucións, especialmente daquelas claramente antidemocráticas, e das que son só formalmente participativas.

    Ficamos nunha conxuntura histórica (como a de Europa en 1848 e a de despois da Segunda Guerra Mundial) na que están abertos varios camiños, mais só será duradeiro aquel que garanta a xustiza social, a igualdade, a solidariedade, a democracia popular e a soberanía das nacións; ou sexa, que ilusione e mobilice ás maiorías. Os avances científico técnicos permitirían hoxe satisfacer todas as necesidades da humanidade con xornadas laborais máis curtas, pleno emprego, e ingresos dignos. Só cómpre terminar (ou como mínimo poñer límite) á cobiza, á soberbia, e á prepotencia.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    31 dic 2020 / 02:45
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito