Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Outono e cogomelos en tempo de pandemia

    AS choivas destes días fixéronnos lembrar que aínda que pareza que todo está parado, o tempo corre. O ano e as estacións, tamén. Agora non xea, mas baixan as temperaturas. É tempo de cogomelos.

    Haberá cogomelos este ano? Haberá. “Non hai novembro sen sanmartiño, nin outono sen cogomelos”. Por fortuna, a eles non lles importa o coronavirus, dependen unicamente da vitalidade das árbores, da humidade ambiental e da temperatura.

    O excesivo calor e secura do verán causa estrés nos micelios, o verdadeiro fungo, estimulándoos para se reproducir, para dar cogomelos, cando chegan as choivas e o tempo refresca.

    Este parece un bo ano. De feito os champiñóns dos prados (Agaricus grupo campestris) propios de setembro xa case desapareceron, mentres que as sendeiriñas (Marasmius oreades) e as zarrotas ou cogordos (Macrolepiota grupo procera), atrasáronse un pouco e están comezando a aparecer.

    Outro cogomelo desta época, moi bo comestible, é a amanita dos césares, que antigamente se asociaba a terreos calcáreos, raro, en bosques de árbores caducifolias, como os castiñeiros e os carballos.

    Continúa a non ser un cogomelo abundante, excepto no so da comunidade, pero si moito máis frecuente (xa se coñece desde Tui a Cabo Ortegal). A explicación deste proceso que damos os investigadores é que como aparece en períodos húmidos e quentes (fin do verán e principios de outono), o cambio climático permite que cada vez dure máis tempo.

    Por outro lado, como a temperatura dos solos básicos é lixeiramente maior que a dos ácidos, a extensión, que ocupan as poboacións de Amanita caesarea en Galicia, actualmente é maior.

    Outras especies tamén moi valoradas, como as andoas (Boletus grupo edulis) e os níscaros (Lactarius deliciosus) están agromando máis devagar; pero atentos porque xa están comezando a mostrarse.

    A pandemia causada pola covid-19 modifica o xeito de saír ao campo para recollelos. Por unha banda, hai que tomar as medidas necesarias para non coller catarros, que poidan complicarse co coronavirus, e por outra, hai que ir en grupos pequenos para evitar contaxios. E, van faltar as habituais xornadas micolóxicas, ás que asisten amantes dos cogomelos (micófilos), que queren iniciarse, e afeccionados (miconaturalistas), que queren aumentar os seus coñecementos e están desexosos de compartir cos amigos algunha ‘mico-cuchipanda’ que outra (micófagos).

    Para os micófagos hai pouca solución, excepto recordarlles que teñan prudencia coas especies tóxicas e co coronavirus, pero para os primeiros si pode haber. Agora que estamos inmersos, cada vez máis, nas novas tecnoloxías e na docencia telemática, hai asociacións, como o Grupo Micolóxico Galego, e micólogos, como os membros de MycoGalicia Plantae, que ofertarán cursos en liña, aos que seguramente se irán unindo máis formadores ao longo do outono. Imos poder continuar a aprender ata que regrese a normalidade.

    13 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.