Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Outra vez Llarena

    ALGUNHAS actuacións do maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, instrutor da causa do proceso por sedición a Carles Puigdemont, son difíciles de entender. Como a última de solicitar a execución da orde de detención deste en Cerdeña; a cal, como era previsible, foi suspendida pola xustiza italiana.

    A interpretación das normas ten unha gran importancia, pois a súa aplicación non é automática e require ter en conta os principios xerais do dereito. O cal significa que hai moitos casos nos que caben posibles interpretacións, sempre e cando, loxicamente, non modifiquen a intención do lexislador pola vía de elixir solucións contrarias ás previstas.

    As recomendacións aos órganos xurisdicionais nacionais aprobadas polo Tribunal Xeral de da Unión Europea (Tribunal da UE) sobre como proceder cando se presenta unha cuestión prexudicial son moi claras. En concreto, a norma 25 establece que “aínda que o órgano xurisdicional nacional sigue sendo competente para adoptar medidas cautelares, a presentación dunha petición de decisión prexudicial entraña a suspensión do procedemento nacional ata que o Tribunal de Xustiza se pronuncie”.

    Dado que Llarena formulou una cuestión prexudicial ante o Tribunal da UE en marzo co fin de que indicara a Bélxica como debe interpretar as ordes europeas de detención e se deben executarse no marco da cooperación internacional, e a decisión aínda está pendente de resolución, manter que a euroorde de Puigdemont sigue activa contravén o dereito comunitario.

    Por se existían dúbidas, en xullo o Tribunal da UE volveu a utilizar o mesmo argumento para rexeitar a suspensión do levantamento da inmunidade de Puigdemont como eurodiputado; estimándoa innecesaria porque, como confirmaron as autoridades españolas –que neste punto é a Avogacía do Estado–, o proceso penal foi suspendido pola cuestión prexudicial.

    Que Llarena interprete unha norma cando hai lugar á interpretación, non é problema. O problema está en que ignore a norma alegando que a interpreta; e máis, cando afecta a dereitos fundamentais recoñecidos pola lexislación da Unión Europea que forman parte do bloque constitucional.

    Nesta disputa xurídica non se está a discutir se Puigdemont debe ser xulgado ou non, pois a lei é aplicable a todos. Subxace se o poder xudicial pode quitar dereitos, ignorando a xurisprudencia comunitaria. De poder facelo tanto en España como no territorio da Unión Europea, como tiña sucedido de seguir adiante a euroorde cunha cuestión prexudicial aberta, desaparecía a confianza que os tribunais deben inspirar.

    09 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito