Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

País sufrido e resistente este noso

    ADOITO escribir estes faldóns durante as fins de semana. Adoito facelo en tales oportunidades por iso de me achegar a iso no que creo tan pouquiño e que coñecemos como “a actualidade”; xa o saben, iso co que pretendemos cualificar esa serie de coñecementos que perduran na nosa memoria, coma moito, durante tres ou catro días.

    Quen se vai acordar, á volta dun ano e por poñer un exemplo, do lío que se traen entre un ex garda civil e maila filla dunha cantante a conta do seu frustrado matrimonio e das consecuencias derivadas del, logo de vinte anos, e máis do seu proceso de divorcio, quen? É de esperar que moi pouca xente; ou iso espero eu.

    Ó millor estou equivocado pero teño
    pra min que de plena actualidade é, por exemplo, o castro de Lás que sigue aí logo de dous mil anos. De actualidade é O Quixote, que segue vivo logo de case catrocentos; de actualidade é o noso patrimonio natural pese á praga eucaliptal que xa se converteu en endémica e non nos libraremos dela ata que suceda algo semellante ó que lle sucedeu ó toxo.

    Que lle sucedeu ó toxo? Cando eu fixen o Bacharelato aprendíannos que o toxo era endémico en Galicia e parecer parecíao. Os montes estaban cubertos deles. Estano agora? Diría que non. Logo que pasou? Pois que xa non hai que estrar con el, co toxo, as cortes do gando, xa non se precisa e daquela xa non hai montes a toxo e alá se nos foi a todos o toxo endémico.

    Pois nesas e non noutras andaba e cismando pra ver de escribirlles algo cando, no prazo de vintecatro horas, dúas malas novas viñeron a me distraer do meu propósito. Nese prazo de tempo souben de dous vellos e benqueridos amigos que se deitaron coa normalidade habitual e xa non acordaron máis. Un deles, dáballe de beber ós avións que aterran en Galicia pra que puidésemos voar neles; outra alimentaba a nosa memoria colectiva poñendo constantemente en actualidade a nosa realidade máis esencial, a que atinxe á cultura en non poucas das súas compoñentes; a mesma que pon en valor o noso patrimonio natural. Aquel axudaba a que puidésemos visitar o mundo de por aí fóra, este axudaba a que puidemos contemplar esa consciencia interior que nos permite saber quen somos e persistir en continuar séndoo. Que a terra lle sexa leve a Xosé Carro e a Manuel Fuentes, que morreron na semana pasada sen ser conscientes dese tránsito, polo que sempre nos preguntamos con temor, que eles puideron realizar sen sufrimento.

    Afortunadamente realidades como a que se acaba de sinalar non suceden a cotío, malia que os pasamentos sexan algo que sempre están aí, sempre son actuais, pero que só nos sobrecollen cando suceden no noso ámbito afectivo; menos mal, porque senón íamos apañados e indebidamente ben servidos.

    Superado o trauma que significan no-ticias como a que lles comento dispú-
    xenme a regresar
    á semanal teima de me poder referir a iso que, aínda non sei ben a causa de que razón, lle chamamos actualidade.
    Estando nesas caeron nas miñas mans tres libros que tratan da actualidade
    que pervive en nós a conta do noso patrimonio industrial e material. Estoume a referir a tres libros, editados por Ézaro
    e Buxa, é dicir, por Ézaro de Edicións,
    a casa editorial galega máis atenta a todo, e maila a Asociación Galega do Patrimonio Industrial.

    Galicia pasa sempre por ser un país agrícola e mariñeiro e non é mentira. Pero tamén é certo que ata mediados do século XIX o noso foi un país industrializado (coa industria propia daqueles tempos, non cos destes, naturalmente) ata que diversas realidades históricas e a miseria causada polas malas colleitas daqueles anos acabaron cunha realidade que é a que Buxa, entre outras doutros tempos, pretende manter viva, pretende manter de actualidade, a fin de que a nosa conciencia colectiva arraigue de xeito que ince de xeito firme e diríase que tamén indestrutible.

    O caso é que xa lles irei falando deses
    libros; hoxe vailles ser imposible. Por di-
    cilo cunha linguaxe coloquial e antiga: púxenme a “mirar os santos”, a impaga-
    ble colección de fotografías e ilustracións coas que conta o primeiro libro que se
    me veu ás mans, o libro que asina Ma-
    nuel Lara Coira
    , o titulado Pegadas da industrialización en Galicia. A Enseada de
    San Simón,
    e alá se me foi a tarde, contemplándoas demorada e gozosamente, mentres a borrasca Lola entraba polo noroeste e ía varrendo o país cunha choiva que, cando menos de momento, se me antollou pracenteira e doce.

    Daquela Galicia tiña o índice de analfabetismo menor de toda España (cando menos entre os varóns) pero tamén iso habería perder o que hoxe nos empeñamos en chamar actualidade. País sufrido e resistente este noso. País de perdedores, no que as industrias só parecen chamadas a ter fábricas de celulosas.

    29 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito