Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Paixón por querer, saber e aprender

    AS accións do título podemos situalas nos tres vértices dun triángulo e poñer a paixón no baricentro. Este defínese como a intersección das rectas que van desde cada vértice ata o punto medio do lado oposto. Conecta entón: querer coa media de saber-aprender, saber co punto medio de querer-aprender e aprender co punto medio do lado querer-saber. Segundo este triángulo a paixón está dentro, na intersección das tres medianas, e xera a enerxía necesaria para activar estas accións no mundo do coñecemento.

    Agardo que xa gozasen ao xogar con palabras e un sinxelo triángulo centrado na paixón. Defínoo hoxe é para agradecer a todas as persoas que sementan coñecemento e que activan o triángulo.

    O venres 18 de febreiro tivo lugar o Premio Stephen Hawking, coordinado por Suso Fidalgo e Charo García-Echave, no IES Rosaía de Castro, activado polo noso valioso Ángel Carracedo baixo o lema Curiosidade e ilusión, que poderían ser as cores coas que pintar os lados e o interior do noso triángulo.

    Escoitar 12 dos 36 traballos, presentados desde moitos centros de ensino medio de Galicia, en compañía de Sandra Vázquez Dorado e Yeray Folgar Cameán, foi unha oportunidade para recoñecer o gran labor que se está a facer desde os centros. O bacharelato CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) está resultando unha valiosa ferramenta para triangular alumnado, docentes de ensino medio, e das universidades e centros de investigación de Galicia.

    Escoitar ás e aos protagonistas do concurso foi ver o triángulo presentado, tanto polos vértices como polo baricentro. Valiosas presentacións para compartir traballos nos que saborearon o método científico e nos que sempre estivo presente o agradecemento e o talento.

    O valor do traballo en grupo, quedarse en agosto para ir ao instituto cunha amiga-científico, poder traballar no laboratorio, ver o que podían facer, son moitos dos puntos Eureka que iluminaban os seus ollos e proxectaban sorrisos nas máscaras.

    Pola tarde tocou traballar na VISIÓN 2100, a sociedade do 2100 que nos espera, que lles espera, como consecuencia das innovacións científicas e tecnolóxicas. Para esta encomenda conformáronse grupos de participantes de diferentes centros e con 25 minutos para reflexionar e argumentar. É máxico ver como se complementaron en tan pouco tempo, e o ben que o contan en catro minutos.

    Cos colegas do Xelmírez II de do Rosalía, José, Rita e Enrique, respectivamente, valoramos a visión. Tomamos moitos apuntes, elas e eles eran os mestres. Fixeron moitas e moi boas argumentacións, o equipo gañador tiña clara a guerra que rexeitamos, pero que hoxe está iniciada, e que só evolucionamos a partir de crises. A ilusión e creatividade, que pintaron o certame, non lle cegaron a realidade.

    O título pode mudar se o “e” é coroado co signo do acento e borramos a coma, xerando unha ecuación que identifique a todas e a todos os gañadores. Este é o fin do certame e do coñecemento: paixón por querer saber é aprender!

    04 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito