Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Palabras de Rosalía

    NA entrada para asistir ao Plenario ordinario da Real Academia Galega, que se celebrou o sábado 3 de outubro de 2020, se nos obsequiou cun libro recentemente publicado pola Fundación Rosalía Castro. Tratábase do interesante volume IV. Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas, da obra completa da serie da autoría do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández, prestixioso e fecundo historiador galego, docente de mérito na Universidade Compostelá, expresidente da Real Academia Galega e membro do Consello da Cultura Galega; a obra contou ademais coa eminente coautoría do profesor, escritor e prolífico analista literario e crítico artístico galego, participante en diversos centros universitarios e congresos, Xosé Luís Axeitos Agrelo.

    Días despois daquela xuntanza académica, enriba da mesa da miña biblioteca unha mañá que non me atopaba moi ben e me apetecía distraerme ollei entre outros libros o referido á IV Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas.

    Pouco a pouco iniciei a lectura do epistolario que estaba a me resultar como un pouco estraño nas vivencias familiares, concretamente, por exemplo, a referida a unha na que Rosalía, a uns catro anos do final da súa vida, publicara un dos seus artigos no xornal madrileño El Imparcial no que aludía a unha antiga costume de certos lugares costeiros nos que, cando un mariño despois de moito tempo no mar viña a terra se lle ofrecía por mera hospitalidade pasar a noite cunha muller (casada, solteira ou viúva) de onde se aloxaba. Semellante publicación, tanto en Madrid como Galicia espertou unha dura reacción dun sector da sociedade.

    Rosalía escribe: Atrévense a dicir que é forza que me rehabilite ante Galicia. ¿Rehabilitarme de que? ¿De ter feito todo o que en min colleu polo seu engrandecemento? Cando é notorio o amor que á miña terra lle profeso... Aínda no caso (que nego) de que eu tivese realmente pecado no que toca ao artigo en cuestión (era suficiente para arroxar un sambenito sobre a reputación literaria grande ou pequena de calquera escritor que houbese dado sempre probadas mostras de amor patrio, como coido telas dado eu? Non, isto non pode se dicir sinxelamente mala fe, senón tamén falla de criterio.

    Pois ben, o país que así trata aos seus non merece que aqueles que tales ofensas reciben volvan a ferir a susceptibilidade dos seus compatriotas cos seus escritos malos ou bos. E en tanto, xa que danada intención atoparon no que narrei, para dar a coñecer (e non para gabala nin censurala) unha costume atiquísima, e da cal aínda quedaba algún resto no noso país, poden consolárense lendo a estatística (que non ten amor propio nin entrañas) e na cal atoparán datos científicos respecto da moralidade da nosa terra, polo que toca a certa cuestión que han quitado a relucir certos xornais escandalosos co meu artigo. Si así arremetesen contra a estatística sería mellor, a ver se así lograban borrar o que é peor mil veces que o que en min censuraron tan bravamente.

    25 oct 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito