Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pandemia e pantólogos

    ESTA pandemia apoucounos a todos, pero os que máis pequenos parecen son os homes máis grandes. O virus rebaixou os fumes da ciencia e a soberbia neotecnolóxica do principio deste terceiro milenio triunfal da derrota final. Cativo e desarmado está o persoal pensante.

    Pero, aínda así, a pandemia encheu o mundo de pantólogos: de practicantes do falar de todo (falar cisca moitísimo o coronavirus), non só os nosos todólogos que en tertulias domésticas nos dan as claves para entender a mente do presidente Trump ou a mente do alcalde Jácome, senón os cranios omniscientes globais, que saben até onde vai anchear o universo ou até onde se vai estreitar o destino de Sapiens (como din agora os pedantes).

    Os divinos socráticos do século –Jonathan Hardt, Byung-Chul Han, Harari, Peterson, Zizek...–, que presumen de saber que non saben nada (e teñen razón), non paran de falar nin de escribir un artigo ou un libriño sobre a pandemia titulado invariablemente Pandemia.

    Hai unha epidemia de libros titulados Pandemia. Véndense coma o pan. Pero só nos dan codia: non hai bolo nin miolo. Por exemplo no libriño do sublime Slavoj Zizek (titulado Pandemia, claro) falta materia, falta madeira; non hai máis ca “virutas”, como diría aquí o barroco Baltasar Gracián. Ou sexa, frases prestadas polos seus colegas thinking big.

    O único que se aproveita –falando de barrocos– é o descubrimento da morfoludia política que xa inventara o noso Quevedo (hai catrocentos anos). Zizek (cos seus presumidos e escarranchados circunflexos no apelido) xoga coma un neno facendo duetos onomasiolóxicos con Putin (o ruso) e mais con Erdogan (o turco), de cuxo encane resulta Putogán: un voquible que quere significar unha das forzas destrutivas potenciais do planeta.

    Eses enredos estilemáticos son un descubrimento quevediano. O que pasa é que as elites thinking big globais ignoran aos autores literarios universais. “Patibueyes y pelicabras”, chamaríalles Quevedo. De todos os xeitos, haille que agradecer a Zizek a actualización deste mecanismo verbalizador das diversas forzas destrutivas do noso tempo.

    Desde logo o encanamen-to Putin-Erdogan en Putogán está moi ben, pero tamén
    poderiamos montar expresivos morfemoides de forzas destrutivas coma, v. gr., o empalme IglesiasTurrión-Rufián en Turrifián (ou Rufión), a cópula (con perdón) Iglesias-Sánchez en Iglechez, o roce Torra-Sánchez en Tochez, et sic de aliis. En política a musa que inspira os máis perigosos compañeiros de cama é a memez.

    26 sep 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.