Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pasado ou futuro?

    “O candidato sono eu”, repetiu varias veces Afonso Rueda no Parlamento antes de ser elixido presidente. Subiu á tribuna sabendo que era o “numero dous” e tivo que defender a lexitimidade da súa elección.

    Obrigado a xogar á defensiva, deixaba claro que a súa política só podía ser de “continuidade”.

    As outras dúas palabras basilares do seu discurso foron “estabilidade” e “normalidade”. O seu programa resumiuno noutras tres: “traballo, familia e... futuro”.

    Futuro foi, precisamente, o que lle negou a oposición.

    Ante o troco de opoñente, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, saíu disposta a racharlle o saque ao candidato. Subiu a rede sen demora pensando máis no final da eliminatoria a dous anos vista, que nesta investidura.

    Presentándose como “futura presidenta”, realizou un discurso para “ilusionar”, cunha idea sempre martelando: “é posíbel unha Galiza mellor. Esa Galiza pode conseguirse cunha presidenta do BNG”. Exercendo xa de candidata, expuxo en dez puntos o seu programa: “Reforzo dos servizos público; Poñer Galiza a producir; A ciencia e a investigación; A emerxencia climática e o modelo enerxético; Autogoberno político e financeiro; Infraestruturas; Impulso das relacións con Portugal; Avanzar nunha sociedade igualitaria; Lingua e cultura e Defensa da democracia”.

    Un programa para todos, pois, dixo, “somos unha sociedade plural na que hai moitas maneiras de sentirse galego”. Os do PP, os comentaristas afíns, e, por suposto, Afonso Rueda, non gustaron nada que Pontón se presentase como candidata. Incapaces de descualificar o seu programa, centráronse en botarlle en cara os anos que levaba como parlamentaria. E, na súa incoherencia, ao mesmo tempo que lle criticaban a teima de ser “candidata” afirmaban que non presentara propostas alternativas.

    Afonso Rueda non é Feixóo, pero paréceselle moito e a súa política vai ser a mesma. No debate evidenciouse outra proposta diferente.Rueda é o presente. Pero, dentro de dous anos, como augura Ana Pontón, vai ser o pasado? Os galegos terán a palabra.

    14 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.