Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pasou o que pasou

    O mesmo día no que foi posto á venda nas librerías, hai unha ou dúas semanas, fíxenme cun exemplar de Pasou o que pasou. Doce estampas dos oitenta o libro de Lito García Lago que Morgante Edicións publicou na súa colección O Ensaio. Lino dunha sentada.

    Pra poder facelo senteime na galería que da ó norte, a de millor luz unha vez chegada a hora serodia, e non a abandonei ata que me din por satisfeito, ou sexa ata que din cabo da súa lectura. Axudáronme a elo a peneirada e diáfana luz que adoita traer con el o nordés e máis un a modo de cogomelo eléctrico, coma eses que hai nas terrazas das cafeterías pra calefactar ós consumidores de cervexa, que é a que me vai a min, tan aceda, xunta coa amenidade dun bo texto literario.

    O cogomelo ese, ou como queiran chamalo, foi o agasallo dunha miña prima, que veu almorzar con nós, e decidiu que, en troques da consabida botella de viño, millor sería traernos esa torre calefactora, non me atrevo a chamarlle paraugas, xeneradora de tanto benestar que, á volta dun pedazo de tempo non moi grande, fai que te sintas coma flotando en líquido amniótico, tan feliz e tan campante coma un feto de sete meses, cando este xa escoita música e presta ouvidos a cousas que suceden fóra. Nunca llo agradecerei bastante.

    O que sucedeu politicamente nos anos oitenta do século pasado probablemente só nos interese ós que os vivimos e máis ós historiadores e aínda a outra xente asaz curiosa ou preocupada por este tipo de cuestións. Pero o caso é que se leva escrito moito a tal respecto e, de todo canto eu levo lido, ningún texto trata con tanta ecuanimidade e bo criterio, tamén con tanto coñecemento de causa, o sucedido nos ámbitos políticos daqueles anos.

    Lito García ten non sei se a elegancia, a prudencia ou o bo criterio (o mesmo as tres cousas) de deixar falar ós protagonistas políticos daqueles días, facéndoo de xeito que ó final vai pintando un fresco, un mural, no que non hai unha interpretación única senón o conxunto de puntos de vista resultantes da contemplación, dende a altura de outeiros significativos, da paisaxe política daqueles anos esperanzados e convulsos, pra nos dar grazas a eles unha idea de conxunto que ata o de agora non se nos ofrecera.

    Non hai unha interpretación dos feitos, iso quédalle reservado ó lector; é este quen debe obter, quen debe decantar unha opinión, mesmo unha posición ou millor aínda unha comprensión de como se desenvolveu a vida política galega, coas súas grandezas e as súas miserias, na penúltima década do século vinte, o que pode axudar non pouco a comprender as miserias e as grandezas actuais.

    Velaí ten o lector curioso un texto que vai estar de actualidade durante moitos anos; velaí ten a comprobación de que cada un fala da feira según como lle vai nela mentres que o historiador o que fai e limitarse a describírnola con precisión e imparcialidade. Un logro. Sei o que digo. Algúns dos feitos en cuxa descrición se detén Lito Garíca podo describilos eu doutro xeito, claro que si, o mesmo que lles sucederá e sen dúbida lles suceder a moitos dos que os viviron, pero a paisaxe no seu conxunto é a que Lito García nos describe.

    Á feira sempre van uns e van sempre na mesma que son outros os que volven do mercado. Pero todos van e todos veñen. Todos somos feirantes. A feira política dos oitenta, a dos comezos do autogoberno dos galegos foi como Lito García nola describe. O mercado ó que algúns outros asistiron aínda esta por ser descrito.

    25 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito