Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Patriotismo fronte a patrioterismo

    A pasada semana un xeneral, do que o seu nome importa un mínimo, pero en cambio o seu grao militar si importa o máximo, volveu teimar encol da necesidade de que o Goberno dea un golpe de temón que endereite o rumbo político –algo errático, iso si– de xeito que a convivencia arribe a augas máis mansas que estas polas que anda a navegar.

    En cada oportunidade na que un uniformado se manifesta do xeito có que o fai este xeneral, estea xa disfrutando dunha merecida xubilación, ou permaneza atento a ordes superiores e polo tanto sometido ás vicisitudes políticas que, sen dúbida, comparte co resto da cidadanía, cada vez que un militar se aventura nese terreo de areas movedizas que é a política, cada vez que opina da derrota que segue a común nave na que todos permanecemos embarcados, a xente, é dicir, vostede e máis eu e moitos máis, non deixamos de conmovérmonos, sequera sexa lixeiramente, ó pensar que as súas palabras teñen, a maiores das verdades que poidan encerrar, o respaldo das armas sobre as que tivo mando e, agora, pode ter influenza.

    Por iso os militares poden, e deben, ter opinións políticas. Claro que si. Poden e deben expresalas, sen dúbida, pero sempre nas urnas e cada catro anos e non sinalar rumbos políticos. O resto do tempo o seu é o servizo prestado á cidadanía, a defensa da estabilidade colectiva, mesmo o establecemento do muro de contención que manteña as augas na súa canle cando estas ameacen desbordarse. O que non debe facer un militar, según a maioría na que se sustenta a balsa democrática, é axitar esas augas ata ofrecérllelas, avoltas e turbias, ó conxunto da cidadanía que puxo esas armas nas súas mans.

    A cidadanía á que serven e defenden as súas forzas armadas é e debe ser plural, de xeito que cada quen pense e vote como o seu bo ou mal entender lle indique. Iso é patriotismo, non patrioterismo. A bondade ou a maldade do seu entender non deben ser nunca obxecto de xuízo por parte daqueles que porten as armas que a cidadanía lles sufraga, entre outras razóns, porque a propia colectividade entende que, dentro das propias forzadas armadas, existan cantidade de opinións como as que se producen no conxunto dos cidadáns e non se deba fracturar nunca a súa unidade porque a Historia xa nos aprendeu que esas divisións conducen a que, as partes así divididas, contendan enfrontadas nun conflito civil e logo, unha delas, calquera delas, non acerte a gañar a paz malia ter gañando a guerra.

    Lonxe o pensamento de quen isto escribe de calquera extremismo ideolóxico, nin de esquerda, nin de dereita. Pero lonxe tamén de quen cree divisións no seo do Goberno situándose nun extremo que, agás a súa propia conciencia, ninguén lle reclama. O mesmo que a outras conciencias alleas lle reclaman situarse noutros e polares.

    O mesmo amor a España e ás institucións democráticas que o tenente xeral confesa na súa carta aberta á ministra de Defensa debe admitilo naquelas outras opcións que non coincidan coa súa propia e, por conseguinte, se é demócrata como afirma ser, debe respectar o que as eleccións decidan porque son elas as que expresan a vontade dunha parte da sociedade que o militar defende. Ninguén lle poderá reprochar nunca a militar ningún que vote unha opción parlamentaria de extrema dereita, menos nun país que conta con medio cento de deputados nos escanos do seu Congreso.

    Si se poderá, en cambio, reprochar que desautorice o labor do Goberno (afirmando que nel son poucos os que poden salvar os mobles) inducindo así unha división ó considerar que, neses poucos, está a ministra de Defensa malia que, condescentemente, lle advirta que só leve uns poucos meses no cargo e aínda non teña entrado na alma dos soldados. O amor á Patria non é privativo das forzas armadas, senón que é patrimonio e privilexio do conxunto da cidadanía, ministros incluidos.

    Espectáculos como o proporcionado nestes días polos seguidores de Donald Trump ou no seu momento polo tenente coronel Tejero, daquela no noso Congreso dos Deputados, reflicten moitos sentimentos e moitas emocións, pero moi poucas reflexións e escaso xuízo por parte dos seus actores e tamén por parte dos seus indutores. As patrias sálvanse soas, enteiras, por accións de todos os seus cidadáns ou súmense en períodos dos que case que nunca adoitan saír ben paradas, nin elas, nin os cidadáns que as compoñen, nin mesmo á racionalidade que se lle recoñece ó ser humano.

    O respecto á Constitución implica algo máis que fervorosas declaracións de Amor á Patria e si, en cambio, maior respecto a uns resultados electorais que, por certo, a quen firma tampouco non o satisfan en medida que o tranquilicen.

    14 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito