Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pegadas de agosto

    QUE gusto volver á fresca sombra das columnas do periódico despois deste agosto ignívomo. (Para os do gremio STEM –antes chamados “los de ciencias”–: ignívomo significa que vomita lume). Nunca coma neste verán se viu tanta xente xunta fervellando no ferver das nosas praias nesas horas en que o sol máis aferreta. Os dermatólogos avisan do perigo de queimaduras, pero aínda así os areeiros amosan a mesocracia turística espesa, “las mozas en cueros vivos y las viejas en cueros muertos”, diría Quevedo o barroco (agora hai un Quevedo novo, cantante de rap e reguetón, que arrasa).

    A min aínda me gusta ir ás (miñas) praias da ría de Vigo, pero agora fágoo cando o sol e os bañistas as deixan abandonadas e só queda nelas esa tectónica de infinitas pegadas na area. Nestes tempos de tanta “huella digital” o que máis me fai meditar é esa “huella pedal” que aparece nos areeiros contra a noitiña. Semella a sinatura dunha humanidade que cada vez escribe máis cos pés, ex-pedita cara aos extremos e os excesos, sobre todo os Excesos con maiúscula, como reza o título do último libro de Emilio Ontiveros, que por certo se (nos) apagou un día deste agosto flamíxero. Ontiveros foise de puntillas pero deixounos aviso sobre as novas pegadas, empezando polas pegadas dixitais (os datos), ese “novo petróleo”, esa poderosa materia prima que debidamente monetizada e encoñada coa intelixencia artificial seica vai curarnos de toda incertidume. Excesos deste noso “capitalismo de vigilancia”.

    Prefiro a lectura das pegadas na area á hora do solpor porque son máis instrutivas cás pegadas de carbono, e resultan un indicador cultural, antropolóxico e filosófico de que o homo sapiens está feito un piernas pedante. “La clase media trabajadora”, como din as pedáneas e podémicas ministras do Goberno, en vez de facer a revolución, fai a pegada pedálica nas praias mentres non chega o outono coa patada eléctrica. Prefiro a pegada pedal na area de agosto porque é onde mellor se len os cambios de época, os períodos de decadencia e as fases de desencanto. Ese simbolismo mesmo souberon aproveitalo os grandes directores de cine cando nos presentan a agonía de Aschenbach (Morte en Venecia) rodeado das pegadas na praia do Lido, e de fondo un solpor co seu sorriso de abismo. Ou o extravío de Marcello (Mastroianni, La dolce vita) atoutiñando entre as pegadas dun longo areeiro no que soaba o canto de sereas na voz inalcanzable de Paola. Contra os Excesos deste noso tempo non está mal ver de vez en cando o final destas dúas pelis. Porque disque hai que organizar unha nova conferencia monetaria e financeira internacional a lo Bretton Woods, pero eu creo que o que temos que facer é aprender a ler as pegadas na area mortal e rosa.

    02 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito