Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pensións mínimas igual ao salario mínimo

    Denantes desta pandemia da Covid-19 os pensionistas estaban en pé de guerra loitando por unhas pensións que se revalorizasen co IPC e que non fosen inferiores a 1.080 euros.

    As masivas mobilizacións dos maiores, especialmente en Euskal Herria, nos lembraban todas as semanas o precario sistema de pensións que temos os máis humildes da sociedade.

    Lembrábannos os maiores mobilizados que non o facían unicamente por eles mesmos, que tamén o facían polos seus fillos e netos.

    Chegou a Covid-19 e tiveron que parar as mobilizacións masivas; pero denantes unha representación deses nosos maiores en loita por unhas pensións dignas chegaron a reunirse coa ministra de facenda.

    Dixo a señora ministra, despois da reunión cos pensionistas, que o goberno entendía as reivindicacións dos xubilados pero que economicamente non era posible pagar 1.080 euros ás pensións mínimas.

    E digo eu! se non é posible pagar as pensións mínimas a 1.080 euros pero o goberno actual entende esa reivindicación, por que non poñelas igual ao salario minimo interprofesional?

    O SMI actual é de 950 euros. Se un traballador non pode cobrar menos de 950 euros; por que un pensionista pode?

    Os pensionistas non ven reducidos os seus gastos polo feito de non estar xa en idade laboral activa. Teñen que comer igual, teñen que facer frente a súa vivenda, pagar os recibos da auga, a luz, o gas. E moitas veces están a axudar economicamente os seus fillos e netos, que en tempos de crise están a pasalo moi mal.

    A seguridade social quere aforrar gasto en pensións, isto nótase especialmente coas pensións ás persoas con idade laboral activa pero cunha discapacidade.

    Eu, desde estas verbas, animo a todas as persoas con discapacidade que non vexan recoñecida a súa pensión pola seguridade social a pleitear nos tribunais contra esta. Pódese gañar, os xuices en moitas ocasións nos dan a razón aos cidadáns, coñezo moitos casos e vale a pena pasar por ese calvario legal.

    Suponse que o salario mínimo interprofesional é a cantidade mínima que precisa unha persoa para vivir con unha mínima dignidade. Que pasa, que os pensionistas non comemos, non vestimos, non vivimos nunha vivenda?

    Este goberno de coalición entre PSOE máis Unidas Podemos, que se presenta diante da opinión pública como un goberno de esquerdas, tería que entender os argumentos que estou a desenvolver neste artigo, tería que igualar o SMI ás pensións mínimas.

    Os cidadáns non comemos con discursos de boas intencións, comemos dos nosos salarios e das nosas pensións.

    22 nov 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito