Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pensións: unha escenificación en dous actos?

    Hai uns días, coincidindo coa presentación do acordo entre governo, patronal e os sindicatos estatais polo que se garantía que as pensións medrarían igual que o IPC, despois de perder 400 euros anuais como media na última década, o ministro Escrivá facía una reflexión sobre o futuro das pensións, que cuestionaba o cambio de rumbo respecto da etapa de Rajoy. Concretamente o responsábel da área da Seguridade Social afirmaba que para poder atender as novas pensións, dunha xeración que representou unha forte expansión da natalidade, co que isto implicaba en aumento do gasto, estes novos xubilados/as deberían asumir un recorte das contías ou traballar algúns anos máis. Esta declaración era contraria ao relato que o governo quere trasladar á sociedade, así como o papel de consenso que patronal e os sindicatos estatais escenifican na Comisión Social, sen dúbida moi condicionados pola pandemia e pola perda de afiliación e capacidade mobilizadora destas centrais.

    O secretario xeral da CIG valoraba este acordo moi criticamente, dicía: “trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da Unión Europea para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, acordaron que antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom”. Rexeitando así a proposta de Escrivá.

    Ademais, o ministro non debería obviar aspectos tan importantes, respecto dos ingresos do sistema de pensións, como o medre da produtividade, e a incorporación masiva da muller ao traballo asalariado, e que as pensións están condicionadas por un sistema económico e social baseado na desigualdade. Ou sexa, que cómpre realizar as rectificacións necesarias para que prime a xustiza social (comezando por derrogar as reformas laborais e a Lei Mordaza, que debilitan a capacidade de presión da clase traballadora, subir o salario mínimo interprofesional, etc.). Non se pode esquecer que as pensións contributivas están ligadas ás cotizacións dos asalariados/as actuais, e que esta é a conexión entre xeracións. A cuestión tampouco é que haxa menos persoas traballando por conta allea, senón que a participación das rendas do traballo no PIB son cada vez menores en beneficio dos lucros do capital. Ao que hai que engadir as horas extras que se realizan e non se paga por elas, nen se cotiza (son necesarios máis inspectores/as para evitar a explotación e a fraude). Outro aspecto que non se pode obviar é que as tarifas planas para “incentivar a contratación” fanse con recursos das pensións.

    Cómpre diferenciar as pensións que teñen orixe nas cotizacións individuais do que son as prestacións e axudas, en forma de pensións ou complementos que se outorgan por criterios de solidariedade, que deberían estar a cargo dos orzamentos do Estado. De cuxa necesidade non hai dúbida, porén non hai razón para que se paguen cos recursos das pensións contributivas que son unha débeda contraida con cada traballador e traballadora en función dos anos e da contía cotizada. En resumo: nos se pretenderá máis unha vez reducir as pensións a un ingreso mínimo, dando pulo aos fondos privados, en beneficio das grandes corporacións privadas e fortunas?

    Pode que o Governo non teña aínda unha decisión definitiva, ou que estea considerando a folla de ruta que lle implique un menor custe, dado que se trataría dunha proposta que afecta negativamente a unha gran parte da clase traballadora. Porén as reflexións de Escrivá apuntan a pedir máis sacrificios aos que sempre os fixeron, e nun intre de máxima concentración e centralización do capital, medre da desigualdade, precariedade e altas taxas de edsemprego. Esperemos que non sexa así, aínda que tendo en conta os antecedentes cómpre estarmos atentos, e a sociedade mobilizada.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    09 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito