Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Perdidos no tacticismo

    Semella que o PSOE galego perdeu a agulla de marear e pon en primeiro plano, non a confrontación co PP e as políticas que hipotecan a Galiza dende hai décadas, senón co BNG co que governa en coalizón en non poucos concellos constituíndo unha fronte alternativa á dereita dende a caída da ditadura. Todo indica que se trata dunha táctica coa que pretende recuperar electorado e superar aos nacionalistas, co obxectivo de en caso de que o PP non acade maioría nas seguintes autonómicas, a presidencia da Xunta corresponda ao PSdeG, repetindo o esquema do 2005.

    O tema escollido para marcar distancias co BNG, e superalo en méritos, é a actitude no referente ao enviou de armamento a Kiev. Unha cuestión na que coinciden co PP e mesmo con VOX, e avala a agresiva política da OTAN e Washington sobre o tema. Fornecer de material bélico a unha das partes, utilizar as sancións económicas e demonizar a Rusia, dándolle como única saída a derrota, non axuda precisamente a un acordo de paz, tal como indican os acontecementos, senón que alentan a guerra e, por certo, contribúen a unha maior destrución da infraestrutura e acrecenta na Ucraína o número de persoas mortas, feridas e desprazadas.

    Ou sexa, non presenta ao PSOE como unha alternativa á dereita, algo preocupante, máxime cando acaba de hipotecar o dereito do povo saharauí á autodeterminación, en beneficio de Marrocos, amosando na práctica que as decisións das Nacións Unidas carecen de valor cando interesa. E reafirma que o Governo español está ao que decida Washington e a OTAN malia o conflito con Alxeria, a aumento do prezo do gas, e a adquisición deste produto en Estados Unidos moito máis caro (que pouco se fala deste tema nos medios sistémicos?).

    Ademais, respecto da invasión da Ucraína por Rusia esquece o PSdeG que o conflito comezou no ano 2014 (intencionadamente?), cando se alentou por occidente o Maidan, as masacres, os atentados, e decidiuse esmagar a oposición do Dombás e outras rexións que proclamaron repúblicas populares (a masacre en Odessa...). Contestouse co exército, co interese superior de illar a Moscova, polo que custou moito chegar aos acordos de Minsk, e foi a razón pola que nunca se cumpriron por parte da Ucraína. Mais estes anos deixaron 14.000 persoas mortas no Dombás, polo enfrontamento armado porén tamén polos bombardeos a zonas civís. Neste caso como no Iemen, Iraq, Siria, Afganistán, etc. os mortos a destrución non conta igual en occidente.

    Tampouco se pode ignorar a recesión económica na UE polo efecto búmerang, e que a acutación directa na guerra hibrida da OTAN abre feridas que tardaran décadas en cicatrizar. Preferirase a creación de bloques antagónicos para manter como sexa a centralidade de occidente? En principio as sancións decididas contra Rusia vólveronse en boa medida contra os países que as tomaron, sendo verdade que tamén afectan a esta potencia eurasiática, todo amosa que terá maiores efectos cos actuais na Unión Europea. Hai sancións que non se poderán borrar en décadas, como son: a conxelación de fondos soberanos; a prohibición de utilizar o Swuift; o impedimento de empregar o dólar, euro e libra; etc. Que país vaise fiar de quen non respecta as regras de xogo económicas e as utiliza para acadar seus fins políticos?... Non son poucos os analistas que dan a globalización neoliberal como en retroceso, finiquitada, e os feitos así o van confirmando.

    O PSdeG vai escenificar as súas contradicións no Parlamento Galego, pedindo a paz mentres arma a unha das partes para estender a guerra, sanciona e demoniza a Rusia, coa escusa de defender a Ucraína. Vale, a invasión é unha medida moi forte, porén porque non se fixo ren para garantir a Rusia seguridade nuclear fronte á OTAN (evitando a integración da Ucraína) e que cumprise o pacto de Minsk, rematar os bombardeos no Dombás e as manobras e bases conxuntas na Ucraína. Con esta proposta o PSOE non alenta a paz, e fortalece unha fronte común co PP en contra do BNG, unha forza que esta pola paz na Ucraína, plo cumprimento dos acordos d e Minsk, e contra o bloque expansivo da OTAN. Mais unha vez o nacionalismo ficará só no Parlamento galego, porque non se suma a teses tan contraditorias como as que buscan a paz facendo a guerra. Formoso apuntase ao tacticismo. Ou é puro seguidismo porque llo pide Madrid? Mal camiño.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    20 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito