Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pérez Jácome non engana

    PÉREZ Jácome nunca enganou a ninguén. En Ourense, unha cidade con grande tradición comercial, coñécense todos máis ou menos. E sabían quen era Gonzalo Jácome desde pequeno: un pillabán que debeu en tarabelo. Repetiu tres veces e houbo un curso que non aprobou nin unha soa materia, así que foi expulsado dos Maristas... Alistárono para a Armada pero licenciárono e internárono nun psiquiátrico (el afirma que se fixo o tolo).

    Marchou aos EE. UU. a estudar son e falsificou todos os documentos. Volveu a Ourense, fundou unha televisión local e comezou a embulleirar a política, con parodias chocalleiras e insultos de cacho para testo.

    E mentres insultaba a dereita, presentaba denuncias contra a esquerda e os nacionalistas, forzando dimisións entre concelleiros e alcaldes e desestabilizando o goberno municipal para darlle a alcaldía ao PP. Ningunha das denuncias levou a condenas.

    Semellaba que o seu grande inimigo era o clan Baltar... Pero se Jácome é un pillabán, Baltar pai é un cuco. El aplicou a máxima de “chámame tolo pero tírame figos”. Non só o deixou facer a súa política redentorista, senón que un día, entre insultos, lle dixo algo premonitorio: “ti non te preocupes, Jácome, xa pactaremos”.

    E así foi. E, co apoio do PP, Jácome chegou a alcalde e o PP conservou a súa Deputación.

    E Baltar só tiña que agardar a súa hora. Ir tecendo unha chea de complicidades e intereses para anular politicamente ao alcalde Jácome, ao que abandonaron todos os seus concelleiros menos un, que agora fala de “traición épica” do PP. Como se el non coñecera tampouco cos bois cos que labraba.

    Porque a tradición de facerse cos apoios necesarios para conservar a Deputación venlle ao clan Baltar de lonxe. Nunca lles importou que fosen os “Cregos Vitorinos”, alcaldes nacionalistas, concelleiros socialistas, independentes... A súa lista de cooptación para o PP de Ourense é múltiple e variada.

    Este esperpento político só podía darse nunha provincia depauperada, na que a Deputación é a principal empresa.

    12 sep 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.