Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Perpiñán: o anuncio

    Hai uns anos a miña muller e mais eu pasamos a ponte de Santos en Perpiñán. A penas a dúas horas de Barcelona, era unha boa ocasión para achegarnos con coche –malia que o servizo en co AVE ou con tren convencional é bo- e así aproveitar para mercar algúns alimentos distintos para os días de Nadal. De paso, fixemos unha excursión pola bisbarra, tanto polo interior como pola costa, que nos levou aos confíns de terras occitanas.

    Na capital da Cataluña norte fomos a catedral a primeira hora da mañá. Daquela a visita non estaba permitida porque se celebraba unha misa. Pero non era unha misa calquera: nunha das capelas laterais, e de costas aos asistentes (uns cincuenta), o sacerdote oficiaba en latín e con todo o boato anterior ao Vaticano II. Acompañaba un grupo musical que cantaba as partes principais da misa, naturalmente tamén en latín. Malia a nosa condición de agnóstico (eu) e de crente non practicante (a miña muller) quedámonos a seguir a cerimonia, abraiados polo exotismo da situación. Unha circunstancia que raramente un atoparía en España nunha catedral pero que era posible na Francia laica.

    Na Cataluña setentrional –malia a importante influencia francesa despois de tres séculos e medio- aínda quedan manifestacións do pasado común coas terras hispánicas en tanto en canto a rexión formou parte (e fundacional) do que despois sería a Coroa catalano-aragonesa durante oito séculos e sede do Reino de Mallorca despois de Xaime I.

    E unha desas manifestacións é a celebración da chamada Processó de la Sanch (escrito así, sen normativizar a “sang”), que se celebra en Perpiñán, Bulaternera, Elan e Colliure (na bisbarra do Rosellón) e en Arlés (no Vallespir, xa case na fronteira española). A máis importante é a da capital rosellonesa, que parte da igrexa gótica de Sant Jaume, no barrio homónimo, habitado por poboación xitana, que é o único colectivo que conserva o catalán coma lingua de seu.

    Conta a tradición que a Confraría de la Sanch (“Preciosísimo Sangue do Señor”) foi fundada en 1416 despois da predicación do dominico valenciano Vicent Ferrer, institución que pasou a asistir aos condenados a morte. Prohibida polas novas autoridades políticas e relixiosas por española e barroca despois da incorporación á coroa francesa, as procesións foron conservadas en xoves santo pero celebradas fóra das murallas da cidade ata que coa Revolución ficou limitada ao interior do templo de Sant Jaume. Limitación reforzada pola lei de separación entre Estado e Igrexa de 1905. Non foi ata 1950 cando a confraría pasou a celebrar a procesión o venres santo na rúa grazas ao impulso de Josep Deloncle, farmacéutico do barrio de Sant Jaume interesado no folclore, despois de atopar uns Goigs (gozos).

    A procesión de Perpiñán destá concibida como unha chamada penitencial ao silencio. O único son é o duns tambores e da campá que leva o chamado regidor, que leva unha túnica vermella, diferente da negra da maioría dos restantes confrades, homes, xa que as mulleres desfilan vestidas de negro, con nenos e nenas. Uns e outros levan os misteris (pasos) con escenas da Paixón. Como os venres santos non son festivos en Francia, a procesión sae do templo de Sant Jaume sobre as tres da tarde e non hai máis participación municipal que algunhas vallas nas rúas anchas. Os recitados, que antes eran en catalán, hoxe son maioritariamente en francés.

    Para promocionar estes actos, o pasado domingo apareceu nalgúns xornais cataláns un anuncio da Semana Santa de Perpiñán. Aparecía o alcume da cidade, “Perpinyà Mediterrània”, que desde a elección coma alcalde en 2020 de Louis Aliot, do Reagrupamento Nacional, substituíu a “Perpinyà la Catalana”. Ex parella de Marine Le Pen, Aliot naceu en Tolosa de Linguadoc nunha familia pied-noir de orixe valenciana. Nótase, sospeito, que a presenza dun alcalde de dereita extrema –que ben axiña afastouse de calquera problema relativo á Cataluña sur- leve a promocionar a Semana Santa local e non outras posibilidades turísticas.

    Os anteriores alcaldes desde 1959 foron gaullistas. Pau Alduy e o seu fillo Joan Pau Alduy –ao que seguiu Jean-Marc Pujol-, pertencían ás elites perpiñanesas e malia a súa fidelidade republicana, non dubidaron en establecer acordos co goberno da Generalitat a prol da lingua e da cultura catalás. Con Aliot, porén, apareceu a pulsión católica máis tradicional.

    Joaquim Ventura

    13 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito