Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Persoas en dúas dimensións

    DE neno vivía nun piso do barrio de Os Mallos, na Coruña. Con frecuencia chamaba alguén ao timbre, preguntando por un veciño ou tratando de vender unha enciclopedia, utensilios de cociña, aceite en garrafas e moitas outras cousas. Ás veces eran amigos ou familiares que pasaban por alí, ou iso dicían, e aproveitaban para facernos unha visita. Sempre eran benvidos. Todos os meses, relixiosamente, viñan cobrar o recibo de Santa Lucía, máis ou menos nos mesmos días nos que meu pai ía pagarlle o alugueiro do piso á “señora”, que era como nos referiamos á dona, unha muller maior e con cartos, que vivía no centro da cidade.

    A nosa casa tiña un pequeno recibidor antes de que o corredor en forma de ele fose abríndose ás dependencias. Ao soar o timbre case sempre abría a miña nai, que sorría ao visitante antes de preguntarlle que quería. Se a conversación duraba máis de catro palabras despois dos afectuosos bos días, ela retrocedía un par de pasos e animaba á visita a pasar para que puidesen falar de porta dentro. Se a persoa era coñecida ou insistía en mostrar o que traía, fosen libros ou táperes, a miúdo convidábaa a pasar á saliña, que nunca aspirou a ser salón.

    Hoxe dificilmente as visitas pasan do portal, agás que nos traian un paquete de Amazon. Xa non se pagan recibos a man, nin se vende polas casas. Os veciños, e ata os amigos, chaman por teléfono, pero non ao timbre. Os costumes e os modais cambiaron moito, sobre todo nas cidades. Vivimos á carreira e o noso fogar é o parapeto no que buscamos sentirnos seguros e deter algo o tempo. Convertemos a casa nun escudo que a miúdo acaba sendo armadura.

    A pandemia, tamén aquí, está a cambiar as cousas e meténdolle présa ao que xa mudaba. As casas convertéronse en trincheiras das que só se sae a traballar e en fortíns inexpugnables se se teletraballa nelas. Ata no traballo os despachos convertéronse en castelos, que só abandonamos virtualmente a través de pantallas e nos que case ninguén entra se non é en dúas dimensións.

    Chegará un día, témome, no que nos reunamos xente dun mesmo edificio por videoconferencia. Un día no que unha persoa veña a darnos unha conferencia e estea case soa no salón de actos porque os demais seguirémola desde a comodidade e a seguridade dos nosos despachos, aínda que estes estean só a uns metros. Chegará un día no que só nos vexamos por pantallas por non baixar ou subir unhas escaleiras, por non ter que saudar, por non querer soster unha mirada ou porque, desgraciadamente, xa non nos importe a xente.

    Quen sabe se a evolución fará que quedemos só coa parte de arriba do corpo, porque o resto non adoita saír na pantalla.

    26 sep 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito