Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pescadores !Deixade o cesto polo móbil!

hai algún tempo publiquei nesta mesma casa un artigo, titulado: “Pescadores de lata versus pescadores de tixola” (de doada consulta na hemeroteca de EL CORREO GALLEGO), sobre a harmonía necesaria que tería que haber entre os pescadores, defensores da pesca sen morte, PSM, e os partidarios da pesca con morte, PCM, regulada con topes de capturas. Pois, dado que as propostas debatidas e aprobadas nos recentes Comités Provinciais de Pesca, polo menos en tres das provincias, non responde ao sentir e pensar da maioría dos pescadores, convén aclarar certos puntos para que o colectivo saiba, que se lle vén enriba. Algunhas das propostas aprobadas foron: 1) martes, mércores e xoves como días exclusivos para a PSM, ao que hai que sumar os luns inhábiles. 2) Prohibir a pesca con miñoca e cebo natural máis alá do 30 de abril, cunha moratoria de catro anos, para estigmatizala e prohibila definitivamente. 3) Os concursos de salmón no Eo e no Ulla serán tamén sen morte e a cota de salmóns no río máis “xeneroso” de Galicia, no que ao rei do río se refire, quedará reducida a corenta exemplares.

E, se os pescadores defensores da PSM en Galicia non chegan a un 7 % do total, como é que condicionan a unha maioría? Se cadra porque leron a Schopenhauer? Logo explicarei por que, pero, permítanme antes unha breve analoxía: a PSM é unha actitude lícita e loable, unha postura vital como moitas outras. Poñamos por caso, como que un sexa vegano!, pero non é unha ferramenta de xestión para a pesca. E subliño isto: Non é unha ferramenta de xestión para a pesca. É dicir, podemos decretar todos os quilómetros de río sen morte que se queiran, que os ríos non van a mellorar. De feito, xa hai moitos tramos onde non entra unha cana e o ecosistema fluvial está morto. Porén, e seguindo coa analoxía, se un opta por non comer carne, con que criterio obriga a quen lle gusta unha costeleta ou un bo churrasco, a non poder comelos e lle esixe, ademais, que ten que alimentarseco mesmo ca el? Aos PCM non lles importa que nos ríos estean canda eles os PSM, o que non están dispostos é a ter que beicer a súa filosofía e menos, a escoitar que son uns asasinos, uns irresponsables ou uns depredadores da natureza, porque non é verdade.

Quen acabou coas troitas e coa vida invertebrada no Sar, no Furelos, no Lengüelle, no Tea, no Eume... non foi a cana nin os PCM, senón os vertidos que ano si e ano tamén, saen nos medios. Quen rematou co salmón en Galicia non foi a cana, senón a política hidroeléctrica que frea as correntes dos ríos en encoros, creando sedimentación e lama que hai que abrir augas abaixo. Dos máis de 11.500 salmóns por ano, censados na década dos 70 e principios dos 80 do século pasado no Miño, sen contar as capturas portuguesas nin os non censados, pasamos aos 15 salmóns de media no Ulla como a xoia da coroa.

De nada serven as escadas, porque os esguíns de salmón acoden pola corrente maior cara as turbinas, onde son moídos, digo eu, para darlle unha esencia ao zume de electróns. A quen engana a administración? Xa poden seguir baixando cotas, que o salmón en Galicia está máis morto que vivo. Son culpables os PCM da desfeita dos ríos galegos? Non. É culpable a miñoca? Non. É culpable a cana? Tampouco. Se algo fixo ben a administración foi prohibir a finais de 1992 a venda de exemplares salvaxes de troita.

Unha medida atinada, porque a pesca deportiva non pode ir da man do lucro, e xa está tardando en aplicala coas especies mariñas como a robaliza. Medida moito máis efectiva que reducir capturas ou computar canta robaliza sae das canas, mentres non se limiten as toneladas que nas bocanas das rías galegas están a pescar os profesionais, esquilmando a especie, cunha media de 30 toneladas de robalizas todos os veráns. Pero, volvamos a pesca continental. Dicía hai unhas liñas que os PSM semellan fieis defensores das ideas de Schopenhauer. Este filósofo alemán, ensombrecido polo seu contemporáneo Hegel, foi un incomprendido no seu tempo e hoxe sería o filósofo de cabeceira do contemporáneo bioloxismo metafísico, en tanto pronunciou que “o home non debe compaixón aos animais, senón xustiza”. Un naturalista adiantado ao seu tempo que, uns corenta anos antes que Darwin, conxugou bioloxía e filosofía para reivindicar que os animais deben ser sumamente respectados e non considerados, nin tan sequera, como potenciais comestibles.

Puideran esgrimir os PCM a Spinoza e establecer ambos unha especie de disputa escolástica con argumentos a favor e en contra, entre os PSM e os PCM, pero unha cousa é o debate das ideas e outra a realidade científica. Que un home coma 5 troitas ou as deixe de comer non repercute no ecosistema fluvial, e que uns prefiran ou opinen que ten máis dereito a comelas un corvo mariño que unha persoa, responde a formulacións morais. A razón e a verdade non pertencen en exclusiva a un filósofo en particular, nin a un colectivo.

Moitas veces son escravas das modas e do mainstream, e as modas están mellor na roupa que no debate das ideas. Se agora, quen come carne ou peixe é un asasino, porque detrás está a morte dun animal, o debate seguinte, e advirto a navegantes! (PSM), será se as troitas deben ser usadas para entreter aos ociosos pescadores (particularmente os que as bican), e se temos ou non o seu permiso para facelas sufrir por mero pracer, ademais de dispoñer dos dereitos de imaxe para subir as súas pintas a Instagram. Ollo!, porque de luns a xoves o 93% dos pescadores que ían aos ríos galegos, por se caían unhas troitas para cear, non poderán ir se a administración segue as indicacións dunha minoría. Xa se está consumando un éxodo de pescadores do río cara o mar. Das preto de cen mil licencias de hai vinte anos, estamos en pouco máis de corenta mil.

Se isto se aplica, serán máis os que abandonen a pesca continental, ata que esta manía de hiperlexislar cara a galería chegue ao océano. Entón, cando todos os pescadores troquemos o cesto polo móbil, e non haxa un peixepara sacarlle unha foto ou darlle un bico, a ver a quen lle botamos a culpa! Por certo, Schopenhauer, o filósofo da Vontade e da benevolencia para os animais, deixou escrito o famoso “Dilema do ourizo cacho”. Confío en que o lexislador se achegue a el, e non se crave nas espiñas.

25 oct 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito