Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Poderes fácticos no século XXI

    Nos tempos da transición falabamos de “poderes fácticos” para referirnos aos sectores do poder franquista máis remisos aos cambios (entre eles, unha boa parte do exército). Empezabamos a practicar a liberdade de información, pero aínda seguían vixentes as vellas leis restritivas e represivas e resultaba máis prudente non facer referencias directas a persoas ou colectivos que formaban parte das esferas do poder e premían desde a sombra para impedir os cambios ou para desvirtualos. Que no 2022, corenta e seis anos despois daqueles comezos incertos da nosa democracia, nada menos que o presidente do Goberno fale de poderes ocultos (económicos, políticos e mediáticos) e intereses escuros, sen poñerlles nomes e apelidos (nin promover causas xudiciais contra as súas posíbeis ilegalidades escuras e ocultas), resulta polo menos inquietante.

    Non é a primeira vez que Pedro Sánchez se queixa de manobras de poderes económicos e mediáticos contra el. Fíxoo nunha famosa entrevista televisiva despois da súa defenestración como secretario xeral do PSOE e a súa posterior dimisión como deputado, por non querer absterse para facilitar a investidura de Mariano Rajoy no 2016. Pero, naquelas circunstancias, parecía lóxico que se desafogase como político de a pé, aparte de que entón si houbo algunhas referencias concretas. Facelo agora, desde a presidencia do Goberno, pode ter a intención de mostrar a fortaleza dun executivo que resiste as turradas de conspiradores poderosos sen renunciar aos seus obxectivos, pero tamén pode entenderse como unha mostra de debilidade por non denunciar publicamente -e xudicialmente, se fai falta- aos responsábeis concretos de presuntas conspiracións e sabotaxes contra a actividade dun goberno democrático, como os que aproveitan que a guerra pasa por Ucraína e que a inflación se está a disparar por todo o mundo para ampliar “xenerosamente” a súa marxe de beneficios, mentres boicotean a negociación dun pacto de rendas que puxese certos límites á voracidade natural dos principais actores do sistema.

    Todos sabemos que as grandes corporacións económicas privadas (as enerxéticas e bancarias, especialmente, pero tamén os seguros, as telefónicas e toda a gama empresarial das novas tecnoloxías, entre outras) acumulan un gran poder económico, que normalmente tratan de facer valer ante o poder político que elabora as normas que regulan as súas actividades, para que esa regulación lles favoreza o máis posíbel. Nese sentido, todos sabemos tamén que, normalmente, esas corporacións se senten máis cómodas con gobernos de dereita que con gobernos de esquerda. Por iso, todos sabemos (ou deberíamos saber) que a esquerda, á hora de gobernar, necesita actuar con máis intelixencia que a dereita, non xa para esquivar os movementos dos poderes ocultos de intereses escuros, senón, sobre todo, para convencelos, en plan Van der Rohe, do criterio minimalista de que menos é máis (e non precisamente menos impostos).

    Polo demais, resulta tamén inquietante falar deses poderes ocultos e intereses escuros, cando, por exemplo, quedan pendentes de aclarar e descubrir poderes e intereses cos nosos veciños do Magreb e, sobre todo, coa última actuación dun deles no control de fronteiras. Quizais na próximo entrevista televisiva.

    Xosé A. Gaciño

    04 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito