Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Poio e a casa natal de Colón

    XA tratei nalgunha outra ocasión a importancia de conservar os nosos nomes de lugar orixinais e non esquecer que a forma oficial deses topónimos é a galega, tal e como se recolle na Lei de Normalización Lingüística. Neste punto, volvo destacar o importante e rigoroso labor que está a realizar a sección de Toponimia da RAG, non só para recoller e preservar todos os nosos nomes antes de que desaparezan, senón tamén para promover o seu emprego e difusión. Neste mes de agosto peculiar, convídovos a visitar a Casa Natal de Cristóbal Colón ou Casa da Cruz por encontrarse fronte a un cruceiro onde se podía ler “Juan Colón, 1490”, inscrición que alguén se encargou de limar pero da que existe constancia grazas a unha fotografía tomada en 1917 polo arqueólogo Luis Goróstola. Este Juan Colón sería bisneto do primeiro Colón establecido en España cara a 1389 e avó da nai do Colón descubridor. Pese ás diversas propostas, argumentos e contraargumentos ao redor da galeguidade do insigne mariñeiro, a galega parece que é a que máis se sustenta e un deses argumentos baséase no estudo da toponimia utilizada por Colón cando chegou a América.

    No 2013, a Asociación Cristóbal Colón Galego “Celso García de la Riega” -nome dun dos pioneiros en defender esta galeguidade- e a Autoridade Portuaria de Marín presentaron unha carta náutica onde aparecían 45 topónimos da ría de Pontevedra empregados por Colón, recabados dos arquivos da Autoridade Portuaria de Marín. Tras un rastrexo polos topónimos de América, hai que dicir que as coincidencias suman máis de 200 nomes galegos. Así, podemos atopar en Xamaica o río Xallas, coincidente co noso galego, Cabo Casa da Cruz (Illa Trinidad), Punta Tolete (Venezuela), Punta Lanzada (Panamá), Punta Pared, O Frade, ou Pedra Blanca. Tamén nos atopamos con nomes de parroquias de Poio como Puntada, Porto Santo (Cuba), San Salvador, Punta Galea, Río Serpe, Punta da Moa, Punta do Ferro, Pedralonga, San Bartolomé ou Punta Faxilda e crese que lugares como Puerto de San Nicolás, Cabo San Miguel, ou illas Catalina e San Juan Bautista se corresponde co de distintas confrarías pontevedresas.

    Está claro que, se fose xenovés, o lóxico sería que lle puxese nomes en italiano, non si? Outro argumento a prol da galeguidade deste home é o feito de que nos documentos que escribiu se atopan numerosas voces e expresións en lingua galega ou a tradicional presenza do apelido Colón en Poio. O dito, visita obrigada este verán, entre outras, Poio e a casa natal de Colón.

    08 ago 2020 / 00:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.