Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Por que
non falas?

    HAI tres frases de Xoán Carlos I que o definen. A primeira aquel “por que non calas”, coa que agrediu a Hugo Chaves no cumio Iberoamericano, coa maioría ríndolle a “graza”.

    A segunda, pronunciouna logo da alloada de Butsuana: “síntoo moito, trabuqueime, non volverá ocorrer”. Ben deles deron o esbarón por tapado.

    A terceira sentenza soltouna esta semana en Sanxenxo: “Explicación de que?”.

    Entre as tres conforman o retrato dun monarca designado por Franco ao que unha Constitución o dotou de inviolabilidade, tanto no seu exercicio do cargo como na súa vida persoal.

    Entre outras razóns porque os redactores da Constitución coñecían a historia. Como me comentaba o outro día un ministro con Suárez: “... xa sabíamos do pe que coxearon sempre os Borbóns”.

    Afirma o historiador Lourenzo F. Prieto que “as leas económicas dos Borbóns e as da súa vida privada, desde Isabel II a hoxe, casaron mal co liberalismo e a democracia de cidadáns libres e iguais”.

    Feixóo e o PP están nese fato histórico cando afirman “cuestionar a Xoán Carlos é cuestionar a Constitución”. Aínda que sexa certo, eu non o diría.

    Os problemas destes monarcas sempre comezaron polo uso arbitrario do privilexio real, seguiron pola ocultación a que obrigou ese mal uso, e remataron sempre nun escándalo cando a opinión pública os descubriu. Tapar as falcatruadas, emendar os erros, deixan en evidencia ao Estado, aos gobernos e a funcionarios.

    A xeira de Xoán Carlos I foi cuspidiña aos dos seus antepasados e tamén o papel do Estado español. Finalmente foron expulsados (a Isabel II prohibíronlle regresar, pero volveu). O Goberno, como queda claro nas escoitas de Villarejo, o CNI, os medios de comunicación, a clase política e os grandes empresarios, sabían ben das andadas do monarca. Non só o acubillaron e xustificaron, senón que se serviron del, moitas veces, indo en contra dos mesmos intereses do Estado. Só así cobra sentido a frase: “explicacións de que?”.

    Felipe VI non renunciou a herdanza do pai, quedouse co ben máis prezado, a coroa.

    28 may 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.