Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Primeiros pasos

    HAI pouco na Asamblea de Madrid houbo un debate entre a presidenta da comunidade autónoma Isabel Díaz Ayuso e Mónica García (Más Madrid), por mor que unha muller non puido abortar no hospital público Hospital Clínico San Carlos.

    A situación produciuse porque os profesionais do centro tiñan aducido obxección de conciencia e o caso foi derivado a unha clínica privada. No 2019, segundo o Ministerio de Sanidade, fixéronse por esta vía o 85% do total dos abortos, o cal debería facernos reflexionar.

    Os médicos/as son quen mellor saben que é un aborto provocado, por ser quen ven, tocan e lévano a cabo. A súa postura maioritaria de optar pola obxección ten que ver co xuramento hipocrático, propugnado por Hipócrates no século segundo, recordando que a medicina e quen a practican están para curar, aliviar e coidar.

    Neste, despois de xurar por Apolo médico e por todos os deuses e deusas que cumprirá o xuramento, engádese: “Servireime, segundo a miña capacidade e criterio, do réxime que tenda ao beneficio dos doentes, pero me absterei de canto leve consigo prexuízo ou afán de danar. E non darei ningunha droga letal a ninguén, aínda que ma pidan, nin suxerirei un tal uso, e tampouco a ningunha muller darei pesario abortivo...”.

    A postura dos médicos, xa dende entón, baséase en que o valor de cada ser humano, grande ou pequeno, é sagrado e ninguén pode decidir por el. Dende a segunda á octava semana o bebé é un embrión do tamaño dun gra de arroz. Na quinta desenvólvese un corazón que a partir de entón late sen descanso, na sexta xa se aprecian o que serán os seus ollos e a columna vertebral... Os médicos de entón sabíano sen que existiran, como agora, os ultrasóns.

    No debate entre García e Ayuso, a primeira criticou que as mulleres non poidan abortar na rede pública e a segunda dixo que non vai a obrigar a un médico a ir contra a súa conciencia. Pola súa parte a ministra de Sanidade sinalou que hai que compatibilizar o aborto e a obxección, descartando a regulación; e a de igualdade que hai que eliminar os días de reflexión para decidir, máis modificar a regulación da obxección para evitar que se produzan máis casos.

    Así como suprimir os días de reflexión choca co consentimento informado, regular a obxección sen as debidas garantías –por tratarse dun dereito fundamental– atentaría contra a Constitución. Pero o fondo do asunto ten que ver, sobre todo, sobre se o dereito a decidir é ilimitado; pois é distinto decidir sobre a propia vida que facelo sobre outra, aínda que esta estea dando os seus primeiros pasos.

    23 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito