Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

PSOE versus BNG

    “O ascenso do BNG é a mellor garantía dos gobernos continuos da dereita”, afirma unha e outra vez Gonzalo Caballero na súa campaña por recuncar como secretario xeral do PSOE en Galiza. Retrucoulle o seu adversario, Valentín G. Formoso, que “non se trata de gañarlle ao BNG, senón ao PP”.

    Se ollamos axeitadamente a campaña que está a realizar Gonzalo Caballero, semella que a súa grande preocupación é arrebatarlle a primacía da oposición ao BNG. Un BNG que, por outra parte, incide na mensaxe de situar a Ana Pontón como primeira presidenta da Xunta.

    Se o secretario xeral do PSOE en Galiza lanza na súa campaña interna esa mensaxe, suponse que ten coñecemento de como pensa a maioría da súa militancia. É ela e non a opinión pública a que vai upar ao posto ou o prive de revalidar o cargo. Impedir o ascenso electoral do BNG é, xa que logo, a maior aspiración da militancia socialista galega? Polo menos de algúns, comezando polo seu secretario xeral. De momento, e logo de que os nacionalistas rendabilizasen o seu apoio aos orzamentos estatais, existe unha demanda da dirección do PSdG a Pedro Sánchez: “se non é totalmente imprescindíbel non pacten co BNG os novos orzamentos”.

    A actitude do Goberno do PSOE e Unidas Podemos xa mudou desde a investidura do presidente Sánchez. O BNG deixou de ser “socio preferente”, pois existen outros socios que poden substituílo aritmeticamente e non confrontan no campo electoral.

    O BNG, na negociación dos orzamentos que se presentaron a semana pasada, incidiu en que as súas prioridades ían ser as infraestruturas. Faltoulle tempo a Gonzalo Caballero e a outros dirixentes do PSOE en Galiza para espallar que “grazas á súa xestión” ante Sánchez, as infraestruturas galegas ían recibir unha cantidade de diñeiro orzamentario como nun o fixeran en toda a súa historia. Casualidade? Nesta estratexia de minimizar a incidencia do BNG no Congreso non está só Gonzalo Caballero, senón que coincide con Iolanda Díaz e os líderes de Unidas Podemos. Semella que agora o inimigo é o BNG. E xa se sabe: ao inimigo nin auga!

    16 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.