Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Puido volver e volveu

    BASELISA cumpriría noventa e catro anos en febreiro de 2023, pero caeu da bicicleta, cando estaba entrando na eira da súa casa e xa ninguén poido salvala da morte. Era deportista, fora toda a súa vida unha loitadora polo ben común, polos dereitos dos homes e das mulleres, dos humildes
    e dos traballadores, daqueles que
    como ela abandonaran o pouco que
    tiñan para ir a América, a mediados da década dos corenta do século
    pasado, seguindo os pasos de milleiros de galegos que para alá foron naquelas épocas, cunha man diante e
    a outra detrás.

    Era a bisavoa dos poucos nenos da aldea onde vivía, era a máis vella e a máis nova do lugar. A que máis historias reais contaba, das que coñecía e vivira, das que pasara e sufrira, das humillacións dos negociantes que negociaban coa miseria dos outros, dos galegos que tiñan que pagar con cartos prestados a pasaxe para o outro lado do mar, para onde non sabían. Ela, como moitas outras, foi seguindo o rastro daqueles milleiros de galegos que marcharan empurrados pola fame.

    Nun ensaio sobre a emigración galega a América, José Ramón Campos di que, no período 1885-1930, a afluencia de galegos cara a América era masiva e aporta datos: “fóronse neses anos novecentos mil galegos, máis do 50% do total da emigración española”. Embarcaban nos portos da Coruña, de Vilagarcía-Carril e de Vigo. Ían para Cuba, Porto Rico, México, Arxentina, Brasil, Uruguai... e alá quedaban ata que podían volver, os que volvían.

    Baselisa retornou a finais dos oitenta do século XX e quedouse para sempre naquel lugar onde nacera, onde tiña as raíces enterradas, onde tiña
    a súas lembranzas e onde deixa a súa memoria. Aquel salto da Galicia do
    interior a unha casa para servir
    aos señoritos na gran cidade mar-couna para sempre. Tal que, cando alugou unha casa para ela, comprou tres pitas para ter ovos de calidade e para velas apañando as migallas de pan no chan da cociña.

    Cando podía, aos anoiteceres, deixaba a bicicleta na esquina e conversaba cos veciños, contáballes lendas do sufrimento dos emigrantes, dos “americanos en Galicia e Galegos en América”. Entristecíase moito cando recordaba os primeiros días en Bos Aires, coa maleta na cabeza pousada nunha rodela feita coa chaqueta e durmindo sentada na maleta. Tan guapa, tan fermosa, intelixente e valente, ao final puido volver e volveu.

    13 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito