Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Que o urxente non agoche o estratéxico

    Semella lóxico que a loita contra o covid-19 acapare gran parte do tempo e da iniciativa das institucións, da actividade política, e do espazo dos medios de comunicación, non pode ser doutro xeito xa que falamos de moitas persoas contaxiadas e mortas, e dunha morea que quedaran con secuelas. A pandemia afecta a actividade económica e os comportamentos sociais, ou sexa, o noso modo de vida actual e pode que en certa maneira tamén futuro. Asemade, non estamos exentos de que aparezan novos virus igual ou máis agresivos, daquela a importancia dun bo sistema público de saúde, e da investigación punteira.

    O tema do virus é unha cuestión urxente, e mesmo que se comece a vacinar no vindeiro mes levará seu tempo acadar uns niveis que fagan da pandemia unha historia do pasado. Porén, mesmo acadando este obxectivo sanitario e optimizando os medios preventivos, hai outras cuestións que non se poden ignorar porque condicionan as nosas vidas. Por exemplo todo o relativo a actividade económica e as condicións laborais, que son centrais no aspecto social e mesmo cultural. Polo tanto non se trata só de como afecta a loita contra o virus a determinados sectores, como a hostaleira, o espectáculo, a cultura, que son máis evidentes, e que tipo de medidas se toman para evitar a destrución destas pequenas empresas ou de emprego autónomo, senón de termos unha visión máis de conxunto e a longo prazo, e do papel que cada actividade xoga no desenvolvemento.

    Hai empresas complementares e outras que teñen unha función tractora da economía, e unha parte destas últimas están neste intre en perigo de peche ou reducindo persoal (aproveitando a situación de emerxencia sanitaria?). Unha situación que non é nova, xa que nas últimas décadas agudizouse a deslocalización empresarial e ademais moitas empresas do país pasaron a mans de capital foráneo, especialmente as máis dinámicas. Ao mesmo tempo perdeuse diversidade produtiva, co que isto implica de negativo para facer fronte ás crises económicas, ou diante dunha pandemia como a actual, onde a mobilidade é unha penalización (tamén en situacións de confrontación entre potencias, ven sexa por sancións ou conflitos militares).

    A falta de traballo de Navantia, as dificultades de Barreras, a intención case lograda de pechar Vulcano, que atinxen ao sector naval galego son parte deste axuste sectorial, porén tamén de como se van repartir os custes do axuste entre territorios. O propio pasa con empresas conserveiras como Thenaisie, ou ligadas á construción como Maderas Iglesias en Porriño e Malasa en Fene. Ou no sector do aluminio coa pretensión de Alcoa de pechar a planta de transformación primaria en San Cibrao, ou co desmantelamento da produción de enerxía eléctrica en base materia prima fósil sen crear emprego alternativo, como en Endesa e en Meirama.

    Na Galiza este desmantelamento progresivo de actividades esenciais para a dinamización da economía e a creación de emprego directo ou inducido, non é unha novidade, deuse na década dos oitenta e de novo no ano 2008, cunha crise que sería nun duro reaxuste territorial e entre clases sociais. Isto está a suceder máis, xa que a pandemia do covid-19, así como a desfeita ecolóxica, alentaron e aceleraron a crise do sistema. Coa diferenza de que a dixestión social é distinta por mor das limitacións que impón o virus, e polo impacto sobre os comportamentos habituais, daquela que a contestación no ámbito laboral, que se dá en múltiples empresas e sectores, terá no futuro un ritmo e unha participación maior, a medida que se free a termine desaparecendo a pandemia.

    Agora ben, mesmo con estas limitacións, tanto respecto das protestas masivas, como do seu reflexo nos medios, as mobilizacións son cada vez máis numerosas, abranguendo a todos os sectores, públicos e privado, industria e servizos. En moitos casos son accións defensivas para evitar o peche ou redución de persoal, como no Banco Santander e na empresa Nostián, ou no servizo de limpeza do Clínico e Gil Casares en Compostela. Noutros coa loita acadase o aumento de persoal de limpeza como no Hospital Alvaro Cunqueiro, ou melloras no convenio como no comercio de alimentación en Pontevedra, e na empresa BorgWarner.

    Malia as limitacións impostos pola pandemia e os temores ao virus séguense realizando mobilizacións que teñen un carácter estratéxico, como son as concentracións que fixo a CIG, amosando iniciativa e coherencia, o pasado 15 de decembro en 15 cidades e vilas da Galiza esixindo unha saída xusta da crise, e criticando por insuficientes os orzamentos da Xunta e discriminatorios os do Estado español. A central sindical nacionalista pon énfase en manter o tecido produtivo, na diversificación e industrialización, nas novas tecnoloxías e investigación, nuns salarios e xornada dignos, no contrato fixo, así como na loita contra todo tipo de precariedade e desigualdade. Tamén destaca como acción reivindicativa que supera a empresa e o sector a folga parcial e unha cadea humana que está convocada pola CIG, CCOO, e UGT, para o día 17 na comarca do Ferrol, pedindo solucións para a grave situación polas que pasa o sector enerxético e industrial de Ferrol, Eume e Ortegal. Este é o camiño.

    Os cambios son inevitábeis, hai que impedir que máis unha vez sexan en beneficio dunha minoría e dos centros de poder imperialista. Hai condicións para conseguilo, o capitalismo está esgotado.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    17 dic 2020 / 01:37
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito