Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Recadar e sumar

    O concello anunciaba a festa nos xornais locais e, cos cartos públicos, animaba á cidadanía para que asistira a un evento de entretemento dos nenos e das nenas, que deberían pagar e acudir acompañados por un ou varios adultos, que tamén pagaban a entrada naquel espazo, construído e mantido con diñeiro público administrado polos integrantes do goberno municipal.

    Era unha acción, un feito preparado para recadar e sumar, para que as arcas públicas non se baleiren de todo, para que se poida gastar máis alegremente nesta vindeira etapa de tantos compromisos e de tantas necesidades.

    Os concelleiros do ramo, e dos ramos afíns, ofertaban o espazo e chamaban á xente para que fose conciliar, parolar, entreter ás crianzas e consumir naquel enorme bar efémero, deseñado e construído para a ocasión, para que quen quixera puidera mercar doces saborosos e de tódolos tipos. Unha forma de privatizar o espazo, como se privatizan as rúas, a sanidade, as prazas, o ocio, a educación e o aire, que moitos pensaron (pensamos) que era de todos.

    Os concelleiros e as concelleiras de tódolos concellos, nestes días de principios de ano, amosan diante da veciñanza a súa mellor cara alegre, saúdan ao pasar e, cando volven, saúdan outra vez, como se a anterior fora o ano pasado. Ou como se quixesen quedar ben sen gastar nada. Cobran polo xa cobrado e prometen rebaixas para cando se poida. Vaiche boa!

    Moitos dos espazos públicos resérvanse para uso privado e os privados, privados son, ao servizo do negocio e dos negociantes. Moitos espazos públicos están abandonados da man de Deus, esquecidos polos alcaldes e concelleiros, maltratados polos coidadores e sen que ninguén mire por eles. Outros están producindo e, aínda que sexa á conta da inocencia dos meniños e da carteira dos pais, as concelleiras e concelleiros presumen do seu labor, anotan na memoria anual, da que intentan arrancar forzas para ás eleccións.

    Milleiros de concelleiros en Galicia queren seguir no seu ou adiantar algún posto na listaxe. Rúan cos nenos, xogan cos vellos e, neste tempo, lamben neles, como se fosen xeados. Falan de todo, da liberdade, da economía, da filosofía, do medio ambiente, do público e do privado. Falan das tripas do partido, dos candidatos, dos feridos, dos corruptos e dos honrados. Falan! Pero como di a Tía Manuela, “sería ben que reflexionaran, que acordaran e que actuaran”.

    04 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito