Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Reflexións despois da España Baleira

    Non é raro que un libro de ensaio estableza un concepto. Pero o que non é habitual é que este sexa adoptado como sinal de identidade colectivo por aqueles que se ven reflectidos nel. Isto é o que sucedeu con La España vacía, de Sergio del Molino, publicado hai seis anos. Este ensaio reflexionaba sobre as causas económicas, políticas e sociais que levaron a ese profundo desequilibrio que padecen as terras españolas que apenas teñen unha demografía apreciable, xa que logo as que xiran arredor do Sistema Ibérico.

    O traballo foi celebrado por diversos analistas polo diagnóstico certeiro que contiña, como se antes ninguén se tivese decatado da situación. Cousa que non era certa: abondaba con repasar as liñas férreas desaparecidas nos últimos trinta anos e observar a situación das sobreviventes se se trataba de tramos de vía única sen electrificar. Unha situación que se vía confirmada se repasabamos o descenso que marcaban as estatísticas e mais as pirámides demográficas: en moitas zonas do centro peninsular os máis dos seus habitantes son pensionistas.

    O diagnóstico animou aos movementos desa España case desaparecida a reivindicar os seus dereitos cidadáns en pé de igualdade coas zonas urbanas. Unha mobilización que se fixo realidade cando a plataforma “Teruel existe” conseguiu presentar unha candidatura ao Congreso de Deputados e obter un escano. Sen embargo, para Sergio del Molino o seu artefacto, esa España baleira que diagnosticara, ficara alterado cinco anos despois tanto pola aparición dos populismos de dereita e de esquerda, como pola pandemia que estamos a padecer.

    Por iso xulgou necesario axustar contas coa realidade máis inmediata, unha vez que as plataformas desa España case inexistente corren o risco, para el, de devir un simple “que hai do meu”. Unhas reflexións que aparecen agora como Contra la España vacía (Alfaguara). Esta obra está articulada en diversos apartados, non sempre coherentes entre si en canto ao contido pero si na resposta que o autor pretende fronte á actual orde de cousas.

    A primeira reflexión que fai é referida ao propio concepto de “España baleira”, transformada en España baleirada por parte dunha parte da opinión pública en tanto que sinónimo de despoboada, cando Del Molino pretendía -sostén- reflexionar sobre a diferencia entre as rexións ricas (separadoras) e as pobres, esa parte de España que fica afastada da “connotación patriótica constitucional”, sen ningunha vontade de redención neorural.

    A partir de tal esquema, pasa a reflexionar sobre a consideración que desde a dereita mediática se fai dos novos “progres”, epíteto aplicado aos novos déspotas ilustrados, redentores das clases populares, e feito extensivo ao conxunto das esquerdas. De aí pasa a analizar as clases medias vítimas de globalización, como o foron os sectores obreiros hai uns anos, cando o capitalismo occidental pasou a empoderar á China e transferirlle os procesos industriais a baixo prezo.

    De aí salta ao fenómeno dos populismos, movementos sen ideoloxía pero formalmente cinguidos á legalidade democrática, que apelan a combater a casta oligárquica: desde a nación os de dereita, desde o pobo os de esquerda. Uns populismos novos que non fan senón reproducir esquemas vellos.

    Deriva despois a unhas reflexións de índole autobiográfica a propósito da súa experiencia familiar, cando cos seus pais abandonaron Tavernes de la Valldigna para marchar a Zaragoza, polo o que autor considera presión lingüística da Generalitat valenciana, inspirada no elitismo definido por Joan Fuster e teledirixido polo catalanismo de corte pujolista. Unha crítica que sitúa xa nos alicerces do seu traballo Nosaltres els valencians, título que xa indicaría unha submisión lingüística xa que, segundo Del Molino, é un pronome que un llauraor valenciano nunca diría.

    Postos a polemizar contra esta visión vitimista en canto á opresión causada pola lingua do país, convén facer algunhas aclaracións porque contamina o conxunto da obra. Do mesmo xeito que errar o obxectivo dunha análise supón tirar conclusións erróneas. Por exemplo, a propósito do recurso que o PP presentou contra o novo Estatuto catalán que, segundo Del Molino, foi contra o pujolismo, cando en realidade foi contra Rodríguez Zapatero por apoiar a Maragall.

    Volvendo a Fuster, é certo que unha parte importante das elites valencianistas atoparon apoio no catalanismo, tanto de dereitas como de esquerdas. O ensaio do escritor de Sueca citado inaugurou a traxectoria de Edicions 62, que nunca estivo na órbita do pujolismo. Tamén é certo que este valencianismo pancatalanista rexeitaba as maneiras de ser dos seus concidadáns (fallas, tradicións) por consideralas vulgares, pero tamén é certo que a dignificación da lingua dos valencianos -catalán ao cabo- tiña que facerse en base ao modelo de Pompeu Fabra, xa adoptado en terras valencianas antes da guerra civil. Dignificación que foi combatida por toda a dereita valenciana, incluídos os que puxeron bombas nas casas de Fuster e Sanchis Guarner.

    E tal dignificación pasaba tamén pola normalización de usos, gustase ou non aos que non a falaban. Calquera actitude refractaria nese senso -máis tratándose dun funcionario- non deixa de constituír unha actitude de ocupación, de superioridade. Non digo que fose fácil para un castelanofalante pero os dereitos lingüísticos colectivos sempre están por riba dos individuais.

    Un ensaio que malia a boa prosa e a capacidade dialéctica de Sergio del Molino, tal vez non remate de satisfacer a quen leu aquela España vacía hai uns anos. Cómpre non esquecer que cando un libro sae ao mercado, deixa de ser do autor para pasar a propiedade dos lectores.

    Joaquim Ventura

    16 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito