Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

República vs. monarquía

    ESTE país singular chamado España desenvolveuse historicamente baixo un réxime monárquico, en xeral con máis pena que gloria, e, en boa medida, pola inercia sucesoria.

    Sempre parece máis cómodo non ter que elixir, ademais, as dúas repúblicas estiveron rodeadas de inestabilidade política, seguida dun golpe de estado e unha dictadura militar. Na primeira foron os xenerais Pavia e Serrano (1874), e na segunda, foi o xeneral Franco (1939), responsable da guerra

    civil e de gobernar, con man dura, durante 36 anos.

    Esta situación desanima para que moitos se plantexen un cambio. Ademais, monarquía ou república non quere dicir dictadura, nin democracia. A Primeira República (1873) partiu dun sexenio democrático e monárquico (Amadeu de Saboya), mentres que a Segunda (1931) xurdiu da monarquía (Alfonso XIII), cos xenerais dictadores Primo de Rivera e Berenguer.

    Moitos republicanos situanse (situámonos) a favor dun presidente (xefe de Estado) elexido polos cidadáns e non nomeado por herencia ou a dedo, por moi ben preparado que estexa. República implica liberdade de expresión, aínda a risco de enganarse e non escoller ao máis adecuado.

    Outros republicanos engaden que a monarquía arrastra consigo unha familia con moitos privilexios e que vive a expensas dos nosos impostos e, aínda se preguntan, cal é a utilidade do rei?

    Unha vez máis, os gobernantes e políticos preocúpanse máis polas súas loitas intestinas que por explicar aos cidadáns cal é o papel dun xefe de estado, semellante no rei, nomeado por sucesión, que no presidente, electo entre a clase política. O seu papel é o que a constitución do momento lle otorga.

    Na situación actual, a monarquía democrática aparece despois dunha longa e terrible dictadura, definida como monárquica, aínda que non tiña rei. Pero, moitos dos republicanos, existentes no ano 1975, definironse como “republicanos juancarlistas”, seguidores dun rei proposto polo dictador, pero que parecía unha persoa aberta, ben asesorada, que axudaba a traer a democracia e que conseguía controlar aos militares durante o período do terrorismo separatista.

    Co tempo todas esas posibles virtudes foron difuminándose e, cos últimos acontecementos intimamente relacionados coa corrupción, xunto coa escapada do rei emérito, parece rexurdir con forza o republicanismo. Ao final, non só eran políticos os corruptos...

    Pero, nesta situación, a quen se vai poder votar? En quen se pode confiar? Antes de tomar unha decisión é importante reflectir. Tanto un rei (vitalício) como un presidente da república (eleito cada 4-8 anos) teñen familia que colocar, manter e deixar ben situada, ninguén está libre da corrupción e da prevaricación.

    As circunstancias históricas fannos plantexar moitas preguntas e dúbidas razonables, as que xurden antes dunha decisión importante. Faise imprescindible unha análise da constitución e unha mellora naqueles artigos confusos, que, lembremos, foron redactados así, tanto pola situación histórica que había no momento de creala, como para evitar conflitos separatistas, que logo non resolveron nada.

    O que nace con medos, acaba con guerras.

    05 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.