Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Retrasos no cobro do ingreso mínimo vital

    Xa falei do ingreso mínimo vital nun artigo anterior, onde recoñecía que era un avance social pero que eu vería con mellores ollos unha renda básica universal.

    Explicaba nese artigo anterior a diferenza que existe entre a renda básica universal e o ingreso mínimo vital. A renda básica universal cobraríana a totalidade dos cidadáns, de aí o nome de universal; o ingreso mínimo vital só o cobran aqueles que poidan acollerse á normativa para o cobro deste.

    Non vou eu facer unha crítica demagóxica ao goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos neste artigo. Vou falar sobre os retrasos que hai no cobro do IMV, pero recoñecendo que este é un avance social respecto á situación legal anterior, mais que este existe precisamente porque o actual goberno o puxo en marcha.

    Actualmente na Galiza só 4.277 persoas viron recoñecida a prestación do ingreso mínimo vital (a 7 de setembro de 2020).

    O goberno estatal calculou que na Galiza terían que cobrar esta prestación uns 40.000 cidadáns.

    Se ben é certo que aos cidadáns que teñen dereito a cobrar o IMV se lles pagarán os atrasos cando lles fagan efectivo o ingreso dos cartos, non é menos certo que, como dicía un líder sindical estatal, non se pode comer de forma retroactiva.

    A crise económica provocada coa Covid-19 fixo que actualmente existan moitas máis familias con dificultades para chegar a fin de mes.

    Seguramente esta é unha das razóns polas que se acumularon expedientes de solicitudes do ingreso mínimo vital en concellos e na Seguridade Social. A unha cidadá que foi interesarse sobre a súa situación o funcionario que a atendeu díxolle que tiña sobre a mesa 9.000 expedientes que resolver. A señora marchou coas mans baleiras e aínda está á espera de que lle dean unha resposta á súa solicitude.

    Así pois, o problema de que se cobre con retraso o ingreso mínimo vital parece ser que non é por falta de reunir os requisitos legais quen o solicita máis ben é por falta de persoal para tramitar todos os expedientes que os funcionarios teñen sobre as súas mesas.

    Eterno problema en moitos ámbitos da xestión pública, a burocracia unido á falta de persoal.

    Nesta crise da Covid-19 non só se queixan da falta de persoal as persoas que están a desenvolver o seu traballo nas problemáticas económico-sociais provocadas pola pandemia, tamén o están a facer o persoal sanitario que está á vangarda da incidencia na saúde pública que ten a Covid-19.

    Así, penso eu, que o que toca nestes momentos é dotar do persoal preciso para combater os aspectos económicos e de saúde que provocou a pandemia. Non podemos estar resolvendo unha situación gravísima con falta de soldados que combatan.

    27 sep 2020 / 00:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito