Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rumiando a pandemia

    AÍNDA que non queira e estea xa un pouco cansa do tema pandémico, resúltame difícil evitalo. E, neste intre en que a vacinación para uns vai a fume de carozo e para outros cunha inmensa pachorra, volvo retomar o tema rumiando dous aspectos dela. Tras o anuncio do final do estado de alarma, a maioría das persoas, vacinadas e non-vacinadas, aproveitamos para saír, para pasear, berrar, protestar, reclamar nas rúas o que nos parece de xustiza, para volver gozar da vida social e cultural que tanto botamos en falta, iso si, con precaución e ao xeito. Tamén é certo que hai, e sempre houbo, persoas máis fogareñas, “ermitás”... que se encontran xenial na casiña pero incluso estas, despois de tanto peche, desexan saír e respirar liberdade. No caso de que o medo a poñer un pé fóra as supere, batemos cun trastorno psicolóxico que afecta a persoas de todas as idades.

    En Xapón, este trastorno xa supoñía un problema serio para a mocidade e agudizouse coa pandemia. O psiquiatra Tamaki Saito fala da existencia no seu país de dous millóns de mozos e mozas que se encerran no seu cuarto, voluntariamente, e que quedan alí illados ata unha media de tres anos. Coñécense con nome de hikikomoris. Nin estudan, nin traballan; nin tosen nin moxen; non son rebeldes nin preguiceiros, só derrotados que se ocultan do mundo e que unicamente manteñen contacto co exterior por vía dixital. A eles, o confinamento deulles a escusa perfecta para seguiren “gozando” do seu particular encerro. Pero isto estase vendo tamén noutros países, incluído o noso polo que urxen propostas reais e gratuítas, para que as persoas se decaten de que teñen un problema e para que dean o seguinte paso: pedir axuda.

    Outro aspecto que cómpre afrontar é o distinto ritmo de vacinación. Disque o mundo precisa once mil millóns de doses para inmunizar o 70% da poboación. Solicitáronse, a escala mundial, 8.600 doses e 6.000 van aos países ricos. Isto é, os máis pobres, o 80% da poboación mundial, terán acceso a menos dun terzo das vacinas dispoñibles. Barállase liberar as patentes de forma excepcional para así protexer a propiedade intelectual dos inventores e preservar os intereses económicos das industrias farmacéuticas e tecnolóxicas, que invisten para obter beneficios mais, as solucións, a longo prazo deben pasar, obrigatoriamente, por un repartimento equitativo das vacinas e pola solidariedade. Mentres se decide, nalgúns lugares do mundo morren persoas infectadas a moreas e nós dicimos coa boca pequena: que sorte nacer onde nacemos!

    23 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.