Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rusia: imperio ou nación

    Os territorios que se reconstrúen por absorción dos veciños –e a conseguinte imposición de política, lingua e cultura- corren o risco de esqueceren a dimensión que tiñan en orixe e, chegado o correspondente momento na evolución histórica, non saberen adaptar as súas estruturas ao cambio. Temos en Europa –onde se forxou o concepto de estado-nación- dous exemplos que malia a distancia xeográfica e de identidade, poden resultaren semellantes.

    O primeiro, ben próximo, sería o da Castela que hexemonizou primeiro a pluralidade leonesa (na que se incluía Galicia) para pasar xa na Idade Moderna á asimilación das terras da Coroa de Aragón, xa co primeiro Borbón, Felipe V. Castela –terra sen vocación marítima- esqueceu a súa real dimensión cando encetou a aventura de construír España en favor duns poucos e sen saber encaixar os mecanismos que puidesen facer dela un estado moderno. Incluso no momento histórico de vertebrarse coma estado nacional, a Restauración frustrou calquera proxecto nese senso. Tras o primeiro intento que supuxo a II República, a ditadura franquista non deixou de ser un fórceps de repetición.

    O segundo caso sería o ruso. Territorio orixinariamente sen saídas ao mar, unicamente tivo acceso ao mar Báltico cando no século XVIII Suecia declinou coma potencia e, en paralelo, cando a derrota dos turcos otománs lles concedeu Crimea e unha saída a un mar cálido que fixo posible establecer unha estrutura naval permanente. Pechado o oeste por Prusia e mais o imperio austro-húngaro, a expansión rusa colleu dirección oriental. Como no caso español, Rusia non foi capaz de estruturar unha nación-estado de seu e malia a caída do tsarismo, a URSS que lle sucedeu mantivo o mesmo esquema imperial, reforzado co Pacto de Varsovia.

    Cando en agosto morreu Mikhail Gorbachov, os analistas lembraban os seus intentos de modernización. Sen embargo, o seu fracaso viña porque resultoulle imposible encarar unha reforma política (a perestroika) e asemade outra reforma territorial. Perdidos de contado os países bálticos, as posteriores independencias na zona europea (Moldavia e, especialmente, Ucraína e Bielorrusia) non deixaban de conservar o protectorado exercido de Moscou. Resulta evidente se temos en conta a continuidade de Lukaxenko en Minsk e mais a primeira invasión de Ucraína en 2014 cando Kiiv quixo abandonar a órbita rusa.

    Os motivos da recente invasión ordenada por Putin responden a ese temor de centrifugación da zona europea do antigo imperio tsarista-soviético. Se se desequilibrase a influencia en Europa a prol de dous estados pro occidentais, Rusia quedaría inclinada cara aos territorios asiáticos, que nunca foron rusos senón colonizados. Non é casual que a maioría dos soldados que participaron na invasión de Ucraína procedan das minorías étnicas asiáticas. E o peor para Rusia sería que, unha vez roto ese dominio imperial, diversas zonas de cultura non rusa poderían ter a tentación da separación política, como xa sucedeu con Chechenia hai anos.

    Segundo a opinión experta de Michel Foucher, xeógrafo francés experto en Rusia, o conflito en Ucraína sería o penúltimo acto de supervivencia da antiga Unión Soviética. Rusia non tería daquela xeira máis alternativa que a súa refundación coma estado-nación, limitando as apetencias de expansión ou conservación territorial. Unha situación que tranquilizaría aos países asiáticos emerxentes (China, India, Turquía) porque supoñería unha nova correlación xeoestratéxica cunha nova periferia.

    O erro de cálculo de Putin ao intervir en Ucraína foi que se ben de primeiras tería a chave do control enerxético, podería acelerar os proxectos da Europa occidental (con Alemaña á cabeza) para establecer unhas novas estruturas de transporte que comunicasen o Atlántico co Mar Negro. A Unión Europea está a dar prioridade a un eixo de transporte centroeuropeo (Báltico e Mar do Norte) por riba doutro mediterráneo que conectaría Trieste con Budapest ata a costa occidental de Ucraína. Este proxecto non se pare en dous días e dalgún xeito, poderíamos sospeitar que a intervención rusa podería responder a un intento de sabotaxe para facelo inviable.

    18 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito