Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Salvador Allende, a revolución dos votos

    O 11 de setembro de 1973 morría Salvador Allende, oficialmente dun suicidio cando os golpistas capitaneados por Pinochet estaban asediándoo. Aínda hoxe en día existe xente que nega a hipótese do suicidio pero esta é a opinión máis estendida. De todas formas a realidade innegable é que foi produto do golpe de Estado de Pinochet.

    Salvador Allende quixo experimentar, despois do triunfo da revolución cubana o 1 de xaneiro de 1959 pola vía armada, a revolución en Chile mantendo unha democracia parlamentar, e o seu intento fracasou debido a que os EUA non estaban dispostos a permitir outro réxime socialista na súa area de influencia despois de ter perdido Cuba.

    Naquel momento da Unidade Popular en Chile xa se deran dúas circunstancias históricas: A primeira, que Estados Unidos non ía permitir un réxime díscolo coa súa hexemonía na súa area de influencia planetaria; e a segunda, que a Unión Soviética (URSS) deixara de exportar revolucións fóra da súa correspondente área de influencia.

    Así pois, foi a Cuba de Fidel Castro a gran defensora da Unidade Popular no Chile de Allende. Fidel, nunha estadía en Chile que se alongou máis do previsto, agasallou a Salvador Allende con un fusil Kalashnikov de culata pregable e coa inscrición: “Ao meu amigo e compañeiro de armas Salvador Allende”.

    O fracaso da revolución dos votos de Allende, despois de triunfar o golpe de Estado de Pinochet en Chile, supoño eu que tivo moito que ver coa continuación de facer a revolución pola vía armada en moitos outros países. A vía pacifica foi experimentada en Chile e non tivera éxito, había que continuar coa loita armada no sub-continente para poder facer posible o socialismo noutros países.

    Foi o caso da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) en Nicaragua e doutros países e organizacións. Precisamente cando Arxentina acadou unha democracia parlamentar, Daniel Ortega subido a unha furgoneta megáfono en man dixo aquelo de: “Primeiro foi Cuba, logo foi Nicaragua, agora é Arxentina e cedo será Chile”.

    No Salvador e no Uruguai tamén houbo organizacións armadas que logo gobernaron os seus países pola vía dos votos.

    Incluso moito máis tarde o Exercito Zapatista de Liberación Nacional de México liderado polo sub-Comandante Marcos abrazou o camiño da vía política pacífica coa creación do FZLN.

    Colombia é o pais onde máis tempo estiveron as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) en loita armada contra o capitalismo dominante. Houbo un intento de participación política pacifica coa fundación da Unión Patriótica (UP) o 28 de maio de 1985.

    No proceso que durou de 1984 ao 2002 foron asasinados, secuestrados e desaparecidos militantes da Unión Patriótica nun número de 4.153.

    Foi imposible, baixo estas circunstancias, practicar a loita cara ao socialismo en Colombia pola vía pacífica e tiveron as FARC que voltar á loita armada ata hai ben pouco. Queda moi ben explicado o caso colombiano no libro: “Colombia, laboratorio de embrujos”.

    O caso de Uruguai é outro lugar onde un ex guerrilleiro como Pepe Mújica, coa Fronte Amplia, conseguiría gobernar o país presentándose a unhas eleccións.

    A revolución Bolivariana de Hugo Chávez en Venezuela é outro modelo. Sae de dentro do exército venezolano; moi parecida nas formas á dos coroneis do 25 de abril en Portugal (Europa).

    Así pois, eu penso que se durante tantos anos tiveron que existir organizacións guerrilleiras armadas na América Latina, e polo mundo adiante, é precisamente porque os EUA non estaban dispostos a permitir o socialismo parlamentar nas súas areas de influencia no planeta.

    Este 11 de setembro conmemoraremos a morte de Salvador Allende e tamén a proba de como os Estados Unidos de América quixeron manter sempre a América Latina como o seu patio traseiro, sen permitir polas boas o socialismo nesa parte do mundo.

    06 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito