Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Se vimos do mesmo sitio, sigamos a camiñar xuntos

    HAI xa algúns anos, non podería preci-
    sar cantos, por cerca destes días de fe-breiro, é dicir, por finais de decembro e comezos de xaneiro, unha noite, acor-
    damos achegarnos a un pobo portugués de Tras os Montes.

    Sei que saímos de Chaguazoso, cabe a Mezquita, e que o automóbil nos levou por estradas que, non había moito, foran pistas feitas con pedra de morrillo e terra, entón xa asfaltadas, pero tan cheas de curvas como antano.

    Isto das galaicas curvas é cousa de moito meditar. Un pobo pontevedrés dispuxo, durante anos e a partires dos primeiros días do século XX e ata non hai tantos, dunha unión coa capital da provincia de vinteún quilómetros cando tería chegado cunha estradiña de menos de dez. Pero esa era a distancia mínima esixible pra que tal pobo fose cabeza de partido xudicial aínda a conta de perder a prudencia sempre necesaria nunha cabeza construtiva.

    Non sei se tal sería o caso do pobo ó que chegamos de noite, pois de noite xa sairamos, sei que facía un frío que metía medo, pero debía ser contra Vinhais ou por alí mesmo. Aparcamos o coche e achegámonos a unha chaira na que ardía unha fogueira inmensa, unha curiosa fogueira na que, o que máis chamou a atención, foron os enormes toros de carballo que ardían nela. Dispostos cuadrangularmente e xa a piques de incandescencia contiñan no espazo habido entre eles a fogueira propiamente dita na que tampouco non escaseaban grosas achas de leña que desprendían a calor que o lector se ha imaxinar como gratificante en grado sumo.

    Ó redor arremuiñábanse as xentes e arremuiñámonos con elas. Ía moito frío. A non moita distancia, unha orquestra interpretaba música e mesmo había xente moza que bailaba, pero o centro de todo era esa fogueira, as súas incandescentes brasas, a calor que alí congregaba un non reducido grupo humano no medio dun fría noite de febreiro cuberta por un ceo cheo, cheíño todo el de estrelas.

    Hai unha horas, o carteiro tróuxome un libro. Foi abrilo e comezar a ver fotos de fogueiras parecidas á que acabo de recordar cando fixen memoria daquel pobo portugués de nome que lamentablemente esquecín, madía leva, pois debe ser cousa da idade.

    O libro titúlase Máscaras rituais de Portugal. Mascaradas Vinhaenses e o seu impagable contido fotográfico e literario débese a Roberto Afonso, que leva non sei cantos anos coleccionando máscaras e coñecemento dunha realidade étnica e antropolóxica que merece un enorme recoñecemento público. A realidade das festas solsticiais e de carnaval celebradas en Vinhais e a súa comarca.

    Chegoume o libro horas despois de que lera nestas mesmas páxinas do noso e moi capitolino xornal o comezo, na canle de Youtube do Museo do Pobo Galego, dunhas xornadas dedicadas ás máscaras tradicionais do Entroido, algo que no caso do Entroido en Galicia e no norte de Portugal non hai raia seca nin húmida que arrede ó un do outro.

    Tanto aquela e seca como esta e húmida separan dúas realidades políticas e mesmo, se así o prefiren, estatais; pero forman partes da mesma nación cultural; sonlles a mesma nación, se me deixan dicilo así pra afirmar que sabendo deles saberemos de nós e que non estará e máis que cada vez saibamos máis quen somos, que boa falta nos fai.

    A colección de máscaras de Roberto Afonso e o seu traballo escrito ben merecerían a atención do noso museo nacional de antropoloxía por excelencia; mesmo dáme por cismar, á vista do que recordo ó comezo e máis das máscaras d’A Mezquita e Chaguazoso, de Viana do Bolo ou de Verín e Laza que todos coñecemos, que as de Podence, coas que se abren as xornadas que se anuncian, non deben ficar, nin xeográfica nin espiritualmente, moi lonxe das de Vinhais; se é que foi en Vinhais onde eu estiven naquela noite fermosa e fría.

    Se os galegos nos arrimamos tanto ó Porto pra ir voar nun avión calquera non estaría de máis que as máscaras de Vinhais aterraran no noso museo pra nos poñer unha vez máis en evidencia que somos a mesma xente e que, se vimos do mesmo sitio, non estaría de máis que sigamos a camiñar xuntos... realidades políticas a parte, pero non as culturais, nunca as culturais.

    18 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito