Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sensaborão

    EN política sempre se cumpre aquela célebre lei de don Manuel Iglesias Corral: “Pasou o que pasou”. De xeito que nas eleccións de Madrid houbo quen gañou e houbo quen perdeu. Dura realidade para os perdedores que, así como na narrativa literaria hai unha convención ditada por Borges que os redime (“O derrotado é esteticamente superior ao vencedor”), na narrativa política case ningún caído merece compaixón. Nin sequera Gabilondo, candidato tombado do PSOE, que foi o que máis traballou para dar un pouco de pena ao electorado xa desde os primeiros momentos da campaña, cando apareceu nas pantallas como cabezaleiro da política “en serio”. A seriedade en tempo electoral é coma unha oración fúnebre. Que caste de asesores foron os que puxeron en circulación a figura de don Ángel coma saído dun tanatorio. Pero é que, ademais, Gabilondo disque é filósofo, e debería ter lido aos clásicos do tema da seriedade –sobre todo aos tratadistas do Grand Siècle–, que todos cadran en dicir que a seriedade non é máis ca un continente que agacha grandes defectos do espírito.

    Se cadra, dando aparencia de serio Gabilondo pensou que polo menos daría algo de pena. Pero a ciencia que estuda a tipoloxía do votante universal di que uns votamos polo político ao que nos queremos parecer (por Kennedy, v.gr.), outros votamos polo político que cremos que se nos parece (por Feijoo, v.gr.), outros votamos polo político que nos fai rir (por Churchill, ou por Fraga, v.gr.), outros votamos polo político do que nos podemos rir (por Abel Caballero, v.gr.)... Pero non votamos por un político que nos fai chorar. Non podemos votar por un político que non saiba finxir polo menos unha diferenza de matiz, unha faísca de sustancia orixinal para que nos alivie o aburrimento. E resulta que Gabilondo só é orixinal na súa maneira de aburrir. Os madrileños estarán dispostos a iren de Madrid ao ceo ou ao inferno, poro nunca condenados ao tedium vitae, conducidos polo que o vello Rabelais chamaba un agelasto, un home que nos quita a risa, que é peor ca quitar o pan.

    O perfil que don Ángel aporta á tipoloxía política merecería ser substantivado como gabilondismo, neoloxismo preventivo e avisador das nefastas consecuencias da insipidez política para a saúde da democracia. Nestas últimas catro décadas non houbo político máis insípido ca Gabilondo (bueno, si, habelo hóuboo: o fillo de Adolfo Suárez), até o estremo de ter clamado en campaña este berro impune e impúdico: “¡Yo soy un soso!”, así, con toda a súa “fisionomia muito séria”, que diría un portugués, cuxa lingua irmá ten tamén a palabra exacta para traducir soso: “sensaborão” (apuntamento lusófono!), coa toda súa rica diloxía semántica: sen sabor e sen saber a política non sabe a nada.

    08 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.