Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sentenza poliédrica

    HAI poucos días a Audiencia Nacional desmarcouse do delito polo que a Fiscalía acusaba a Trapero (primeiro por rebelión e logo por sedición, para acompasalo coa sentenza do Tribunal Supremo), en relación coa conduta dos Mossos d´Esquadra durante o procés.

    A sentencia chama a atención non tanto polo veredicto final, senón pola forma en que o fai, sinalando que “os seus datos non se corresponden coa realidade” referíndose aos mandos da Garda Civil.

    Sobre o declarado polo coronel Pérez de los Cobos (coordinador do dispositivo policial do 1-O) no xuízo, a Audiencia di que a coordinación entre os tres corpos policiais foi un “fracaso”; sendo unha das razóns que, cando a primeira hora do 1-O, o nº 2 dos Mossos requiriu axuda en diversos colexios nos que se estaba a votar, non foi atendida. A máis recórdalle como ese día cancelou todas as reunións previstas entre os corpos policiais e isto “xerou una desorganización que debeu influír no rendemento da intervención”. E considera que non é certo que os Mossos non empregaran dispositivos suficientes para frear o 1-O (mobilizáronse 11.430), fixeran seguimentos a outros corpos policiais ou existira conivencia cos votantes.

    Sobre o afirmado polo tenente coronel Baena (autor dos atestados policiais da investigación do 1-O) de que “Trapero formaba indubidablemente parte do comité executivo” do procés, a Audiencia repróchalle “argumentar dun xeito que parece alongado dos parámetros do razoamento probatorio indiciario, na medida que lonxe de inferir a partir de feitos ou circunstancias que funcionen como premisas, pártese da conclusión á que se quere chegar”. En tan poucas palabras, non se pode dicir máis.

    Despois de dicir que os Mossos actuaron con “proporcionalidade”, como pediu a xuíza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, a Audiencia aínda vai máis lonxe, lanzando a seguinte mensaxe: “o uso da forza contra cidadás indefensos, contra familias enteiras, non podía ser a solución para impoñer o acatamento ao ordenamento xurídico, aínda que fora lexítimo”; pois deixar de lado o principio de proporcionalidade nas actuacións policiais é tan inconstitucional como a convocatoria unilateral dun referendo.

    A sentenza da Audiencia non xulga os mesmos feitos que xulga o Tribunal Supremo, por tratarse dunha causa máis ampla, pero volve a sementar dúbidas sobre se a información facilitada por De los Cobos e Baena ao Supremo en temas conexos influíu na sentenza final.

    Na medida que se cingue aos feitos, a sentenza pode axudar a coser o país, para o cal é imprescincible dispor dunha xustiza igual para todos e unha Fiscalía menos nesgada e máis profesional.

    28 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito