Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Será que o cotiá se tornou repetitivo e monótono?

    REPASO iso que demos en chamar a actualidade e non atopo nada que me conmocione. Será insensibilidade pola miña parte? Será que a actualidade se tornou repetitiva e monótona? Como sospeito máis doado que a responsabilidade da miña indiferenza ante o que pasa sexa cuestión miña máis ca dos que me rodean, resígnome a confesalo.

    Aceptado o meu deficitario nivel de atención ó que sucede na miña contorna, esfórzome en constatar as opinións daqueles que si permanecen atentos ó devalar dos tempos e son quen de establecer uns parámetros, unhas coordenadas delimitadoras do campo de xogo no que un se poida entreter enredando nese desiderátum no que se me converteu a actualidade. E nesas e non noutras son nas que estamos.

    A manida actualidade ven sendo pra min, xa case que unicamente, aquilo que me interese; é dicir, moi poucas cousas. Entre elas as que me axuden a entender o mundo no que vivo; un mundo que non é que cada vez o comprenda menos, senón algo moito peor: cada vez o comprendo máis. Iso é o que me arrepía. Arrepíame o feito de que poida ser certo que estou a comprendelo ben. Ou iso creo entender, pró meu maior desacougo.

    Leo nun xornal, capitalino par excelence, a magnífica malia que breve entrevista que Manuel Llorente lle fai a Darío Villanueva, en mala hora exdirector da RAE, co gallo da publicación do seu último libro, editado por Espasa co título de Morderse la lengua. Correción política y pos verdad. Prométome lelo. O que non me vai impedir a ousadía de me adiantar á miña vontade referíndome, senón a el, si a algunhas das afirmacións que Villanueva vai deixando caer ó longo da súa conversa. Oxalá sirva pra animalos a vostedes á lectura do mesmo libro que eu estou tan decidido a ler.

    A corrección política, ese cancro corrosivo, é definida por Darío Villanueva como unha forma perversa da censura levada a ramo (se é que a cousa queda aí, claro) non polo poder político ou dunha Igrexa, por calquera delas, senón por sociedades civís que Villanueva cualifica de gasosas e que non nego que o sexan pero que a min se me antollan deletéreas. Trátase dunha censura que non te leva ó cárcere, pero que si te conduce ó desprestixio e á estigmatización social, por dicilo coas palabras do autor; ou sexa, á morte civil en non poucas oportunidades.

    A partir de aí, a partires das anteriores afirmacións, a entrevista se encana definitivamente de xeito que pon nomes a realidades que intuíamos pero que non eramos quen de resumir debidamente condensándoas en palabras coa concisión coa que o fai o autor de Morderse la lengua; é dicir, xusto polo camiño inverso seguido polo politicamente correcto e de xeito que, en troques de alterar o significado das palabras nas que se condensaban os postulados xurdidos do Século das Luces, postulados dos que se derivou o pensamento forte, as reformula arredándoas das que hoxe coñecemos como propias do pensamento liquido ou feble, adaptado sempre á forma do recipiente que as contén. Dito así pode que non se estea aclarando nin ben, nin coa concisión reflectida na entrevista o que si se aclara nela. Pero algo ven poñer de novo as cousas no seu sitio; sucede no momento no que Viilanueva bota man dunha frase de Ricardo Dudda, o autor de La verdad de la tribu, cando afirma que “os censores de hoxe son os bos”. Ou sexa, o mundo patas arriba.

    Comprenderá o lector que o que comento non axuda a mitigar o desacougo por non dicir o pasmo que, xa dende o principio, confesei que sinto ante todo o que contemplo, ante esta realidade na que toda unha tradición está sendo rota sen que se ofreza outra continuidade que a derivada dese pensamento fácil, líquido ou feble que de todo ten e que todo o invade conducíndonos á submisión.

    Sen tradición non hai cultura e unha tradición secular está sendo arrombada sen que poidamos albiscar unha continuación que, permitindo o entronque co pasado, non imposibilite a entrega do testigo que todo trasvase esixe na carreira de relevos na que ven consistindo a Historia dende sempre. Dende a Neolítica non volveu haber unha revolución que, como ela, alterase a relación entre os humanos. Nin a industrial, nin a dos transportes, tampouco a soviética, por citar tres delas, alteraron a relación entre os humanos coa forza coa que o fixo a píldora anticonceptiva. Tras dela viñéronse sucedendo, con velocidades de vertixe, a cibernética, a das computadoras, a das comunicacións e todas as que queden por se nos asomar pola proa da Historia.

    A comprender, pero tamén a intuír tanto o que está a acontecer, como o que está por vir, pode que nos axude, non pouco, o libro de Darío Villanueva que eu lles convido a ler co mesmo ánimo co que eu o vou facer.

    08 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito