Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sería bonito

    CANDO Francisco de Asís escribía aos seus irmáns, chamábaos sempre Fratelli tutti, convidándolles a valorar e amar a cada persoa máis aló da proximidade física e do lugar onde naceu ou habita.

    Por iso a recente encíclica do papa Francisco, na que fala de aspectos que desfavorecen a fraternidade universal e propón xestar un mundo diferente, denomínase así. Porque Francisco de Asís –que se sentía irmán do sol e do vento– sabíase aínda máis unido aos que eran da súa propia carne, e camiñou preto dos pobres como Xesucristo. Aínda que o papa tamén bebe de Martin Luther King, Gandhi e outros.

    No mundo actual respírase unha atmosfera onde a distancia entre a obsesión polo propio benestar e a felicidade compartida da humanidade amplíase ata tal punto que parece que se está producindo un cisma entre o individuo e a comunidade humana.

    Como todos estamos moi concentrados nas nosas necesidades, ver a alguén sufrindo moléstanos porque non queremos perder o noso tempo por culpa dos problemas alleos. Miremos o modelo do bo samaritano, que reflectiu que a existencia de cada un está ligada á dos demais: “a vida non é tempo que pasa, senón tempo de encontro”. O relato lémbranos que vivir indiferentes ante a dor non é unha opción posible: debe indignarnos para alterarnos.

    A escala planetaria percíbese que –de feito– os dereitos humanos non son iguais para todos. Hai moitas contradicións que nos levan a preguntarnos se a igual dignidade de todos os seres humanos, proclamada hai 70 anos, é protexida sempre. No mundo persisten numerosas formas de inxustiza, nutridas por visións antropolóxicas reductivas e por un modelo económico baseado nas ganancias que non dubida descartar ao home. Mentres unha parte da humanidade vive na opulencia, outra ve a súa dignidade pisada. Como os migrantes, que nunca se dirá que non son humanos pero na práctica exprésase que se lles considera menos valiosos, menos importantes, menos humanos.

    A tecnoloxía avanza sen pausa, pero sería bonito que ao crecemento das innovacións científicas e tecnolóxicas correspondese tamén unha equidade cada vez maior. Que bonito sería que a medida que descubrimos novos planetas afastados –di o papa–, volvésemos descubrir as necesidades do irmán ou da irmá en órbita ao redor de min.

    Aínda que ante isto, “o relativismo non é a solución, pois termina facilitando que os valores morais sexan interpretados polos poderosos segundo as súas conveniencias”. Como o principio do destino común dos bens, que reclama que os bens dun territorio non se neguen a unha persoa necesitada que proveña doutro lugar e tamén debe ser aplicado entre países.

    31 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito