Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Silenciadas, silenciosas

    NESTA semana marcada polo 8-M vouvos contar unha anécdota que me aconteceu paseando por unha feira do libro. Batín cun pequeno exemplar de chistes sobre mulleres. Boteille unha ollada sabendo de antemán que non o ía mercar e constatei como, desde ben nenas, temos que escoitar tópicos que nos ridiculizan, nos denigran e nos humillan. Nunha época en que a sociedade loita por aumentar o índice de mulleres líderes –termo masculino, por certo– que asuman cargos directivos, por igualar salarios, para que haxa máis científicas, para que os estudos sobre a saúde se realicen tamén sobre elas etc. son totalmente inadmisibles chistes fáciles como “Por que unha muller non pode ser electricista? Porque tarda nove meses en dar a luz”. Para mostra un botón.

    Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Rosalía de Castro son tres das nosas pioneiras en demandar igualdade de dereitos. Dicía Pardo Bazán: “Todas as mulleres conciben ideas pero non todas conciben fillos”; a educación delas está dirixida á “doma, pois proponse a obediencia a pasividade e a submisión”; “por que non han ter as mulleres dereito a encontrar os homes guapos e por que se mira mal que o manifesten?”.

    “A muller ten abertos todos os camiños do sentimento, pechados todos os da intelixencia”, afirmaba Concepción Arenal e Rosalía de Castro, única inmortalizando viúvas de vivas e de mortos e cantando contra a violencia de xénero. Mulleres do seu tempo, e dos nosos, que detectaron inxustizas, escribiron sobre elas, berraron alto, rebeláronse e actuaron, cada unha ao seu xeito.

    Nunca serán abondas as reivindicacións nin as lembranzas non só de todas aquelas silenciadas e silenciosas, á sombra dos homes, como inventoras, matemáticas... tamén daquelas que foron abrindo camiños como as primeiras mariscadoras, a primeira exploradora, condutora, universitaria, doutora, xuíza, bombeira, policía... e, por suposto, daqueloutras que nos acompañan cada día sen esperar recompensa; entre elas, pero non só, as do rural: pementeiras, labregas, gandeiras, coidadoras, peixeiras, empregadas do fogar, costureiras, tendeiras, cociñeiras...

    Abramos os ollos, escoitemos, leamos, reflexionemos, interioricemos, liberémonos de prexuízos e de tópicos para educar ós nosos fillos e fillas en igualdade e que a pandemia non nos sirva de escusa. Poñámonos en acción e reivindiquemos políticas reais que nos leven a un mundo libre de desigualdades, tamén das de xénero, con mulleres autónomas, libres e cos mesmos dereitos ca os homes, nin máis nin menos.

    08 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito