Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sobredo, o rural rebelde

    O pasado 28 de novembro celebrouse en Sobredo (Guillarei-Tui) o acto homenaxe que lembra aos mártires desta aldea, cando no ano 1922, ese día morreron por tiros da Garda Civil tres labregos, dous homes e unha muller, e foron feridos/as outros dez. Esta represión contra as xentes do rural repetiuse noutros lugares da Galiza, como en Oseira (Cea), Nerga (Porto do Son), Sofán (Carballo), etc. Eran algo común, non se trata de lembranzas da excepción. Contra a opinión que hoxe se puidera ter do mundo rural galego como un verxel carente de conflitividade social, agás por cuestións moi especificas, en comparanza coa mobilización ligada ás cidades e grandes vilas. Unha valoración incorrecta, que esquece que até hai poucas décadas, antes do proceso que baleirou de xente estas áreas, tiveron un papel destacado nas loitas reivindicativas e defensivas diante dos múltiples atropelos. Como exemplo os sucesos de Sobredo.

    Naquel intre o rural galego fervía segundo o sistema, así o afirmaba un xornal de Pontevedra do 17 de febreiro: “A anarquía social que hoxe reina nas provincias de Ourense, Pontevedra e unha parte de Lugo, é tan grande, que sen temor a nos trabucar, pódese dicir que isto non é mais que un paso para implantación do réxime soviético, en prazo non moi lonxano, triste é dicilo!” Como se ve a Revolución Rusa causaba preocupación tamén neste estremo de Europa.

    En xullo de 1922 realizouse en Tui un Congreso Agrario de toda Galiza, organizado pola Federación Provincial Agraria de Ourense á que asistiron centos de asociacións representando a uns 50.000 labregos/as. No xornal A Nosa Terra (ANT) destacábase que se fundou a “Central Regional Agraria Gallega”, e o derradeiro día realizouse un mitin ao que asistiron milleiros de persoas. Asemade agasallouse ao presidente deste Congreso, Basilio Álvarez, cun banquete por “ser a alma mater do actual renacer agrario”. ANT criticaba duramente que Asemblea Agraria da Coruña caera en mans de caciques, e aclaraba que, aínda que a esta última realizada en Tui se lle chamase asemblea rexional no futuro había que denominala nacional. O vicepresidente desta asemblea foi Dionisio Quintillán. Días despois realizouse un mitin en Ourense onde falaron Melquiades Álvarez e Basilio Álvarez.

    No mes de novembro foron detidos directivos da “Sociedad Agraria de Ribadelouro” e da “Federación Local de Trabajadores” de Tui, esixíndolles o xuíz para os deixar en liberdade unha fianza de 85.000 pesetas, cinco mil por cada un dos directivos. Días despois sumáronse ao paro en solidariedade os obreiros do concello. Dúas semanas despois, o 25 de novembro, o Governador Civil suspendía o funcionamento de varias sociedades agrarias do concello. Ao día seguinte os xornais indican que continúan os embargos, e que son en total uns corenta. En todo este período informan tamén da entrada e saída da prisión de numerosas persoas relacionadas co conflito.

    Neste contexto algúns campesiños de Tui negáronse a pagar por inxustas as rendas dos foros, o día en que se pretendía executar embargo do por orde xudicial, reuníronse lugar para impedilo uns 2.000 veciños e veciñas. Os titulares dos xornais falaban ao día seguinte de “veciñanza amotinada”. Os efectivos que acompañaban aos representantes do xulgado eran dez parellas de infantería da Garda Civil e outras tres de cabaleira. O xornal “La Zarpa”, do 30 de novembro, co subtitulo de “o caciquismo escribe na Galiza outra páxina de sangue” eleva o número de mortos/as a catro, ao engadir o deceso dun dos feridos graves; e un total de 14 feridas/os. A protesta labrega foi duramente reprimida co saldo de persoas mortas e feridas as que se facía mención ao principio deste artigo, e un gran número de detencións. O día 2 de decembro os obreiros da localidade en paro (por solidariedade) acordan volver ao traballo, e o día 5 iria á folga toda a provincia de Pontevedra para denunciar á represión en Sobredo e en apoio coa loita labrega, esixindo que se solucionase axiña a cuestión dos foros. Os xornais destacaban que o paro fora total en Vigo. Unha demostración máis da unidade obreiro-campesiña.

    Sobre estes feitos Basilio Álvarez, ese crego axitador que apoiaba a causa labrega, dixo que o país xa tiña un exército de seu: “xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”. En resumo que o rural reivindicativo etn unha longa historia, ligada en moitos casos á mobilización da clase obreira. O sucedido en Sobredo non é máis que un exemplo.

    Ramón Cabanillas adicou un poema do seu libro “Da Terra Asoballada” aos combativos e tráxicos acontecementos de Sobredo:

    ¡Galicia encadeada cos ferros de Castela

    por fillos treizoeiros e por caciques-lobos,

    no teu ceo azuado hai unha nova estrela!

    ¡ardente e sanguiñenta, agoira tempos novos!

    ¡Irmáns! ¡Erguede o berro

    de amor e santidade!

    ¡Galicia e Liberdade

    do traballo e do Chan!

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    03 dic 2020 / 01:08
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito