Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 25 enero 2023
20:35
h

Tallas e tamaños

    POLO que se oíu o pasado martes no debate do Senado, apréciase un chisco que Feijóo, nesta súa nova etapa, xa se ve a si propio como un algo estadista de altura (mesmo presume de estar asesorado no Alto polo apóstolo Santiago). E por iso nos explicamos que o Goberno estea gastando tanto relato mediático para rebaixalo usando sobre todo a lingua/daga das ministras. Na narrativa cinematográfica clásica hai unha historia que sempre lle gusta moito ao espectador: aquel argumento que nos presenta unha muller que utiliza os homes para conseguir os seus propósitos.

    Pois resulta que a innovación narratolóxica deste Goberno consiste en facer ao revés: presentarnos un home –Pedro Sánchez– que utiliza as féminas para alcanzar os seus fins. As mulleres do presidente non paran de aferretar nun Feijóo disque “ignorante”, “insolvente”, “inmaturo”, “cínico”... Pero hai que desculpalas, malpocadas, porque están namoradas, e unha muller namorada non é ela (Marguerite Duras díxoo). Desde logo, encargarlles ás súas ministras apaixonadas o traballo de destrución do adversario político é unha forma de machismo que aínda non foi rexistrada nas nóminas da misoxinia.

    Pero hai que recoñecer que, en efecto, as señoras son quen mellor poden facer o traballo de reducir un líder da oposición a un ninguén coma o Balbino de Neira Vilas, a un vultiño de home, porque elas entenden moito de tamaño. (Hai unha caste de mulleres que pode arruinarlle a vida a un home cabal só falando do tamaño). Os politólogos americanos chámanlle a esta técnica liliputation, que, como a mesma palabra di, trata de conseguir a base de excesos retóricos que un opoñente político pareza un liliputiense, un anano.

    E foron os politólogos de Richard Nixon os que a ensaiaron por primeira vez cara á célebre campaña electoral de 1960, durante a que se tratou de liliputear a atractiva imaxe de John F. Kennedy, espallando que lle faltaba “preparación para ser presidente”.

    Ou sexa, o mesmo que agora as ministras despendoladas por Sánchez lle queren sambenitar a Feijóo, que vén sendo un Kennedy galego. Daquela Nixon aínda por riba contou coa axuda do seu amigo alemán Adenauer, nese tempo chanceler, cristianodemócrata e beato, que pecou ciscando desde a chancelería que Kennedy, en asuntos internacionais, non daba a talla (pero Marilyn Monroe dixo que daba o tamaño).

    Agora se cadra un sucesor de Adenauer, o chanceler Olaf Scholz, igual se presta a liliputear a Feijóo en favor de Sánchez, a quen estoutro día invitou a unha reunión do Goberno Federal para que fale de xeopolítica global, de macroeconomía continental, de enormidades enerxéticas e outras grandezas só para que se note a pequeneza de Feijóo. Porque en política o tamaño importa, como ben saben as ministras apaixonadas.

    09 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito