Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tambores de guerra para se impoñer no económico

    Resulta evidente que, despois da visita de Biden e a reunión co G-7 e a Comisión en Bruxelas, a Unión Europea uniuse e mesmo colleu á dianteira da estratexia de confrontación mantida por Estados Unidos contra Rusia e China (e as nacións que queren ser soberanas). Amosando que a única diferenza respecto da etapa de Trump era unha cuestión de protagonismo, de formas e da taxa dos beneficios a obter coa recuperación da hexemonía occidental, como consecuencia desta guerra hibrida (militar, sancións comerciais, financeira, nas redes, comunicación...). A oposición á construción do nord-stream2, mesmo que fose contra os intereses de Alemaña e que esta tivese unha folla de ruta distinta, xa reflectía o poder de Washington no interior da UE, que se fixo máis evidente co triunfo demócrata, que non mudou obxectivos senón a política de alianzas.

    Polo tanto, as medidas de choque da Unión Europea deron co governo Biden un importante pulo, respecto da etapa de Trump, e todo indica que iran a máis. Lembremos que a iniciativa en relación con Rusia partiu da UE mediante sancións pola anexión de Crimea, despois dun referendo no que a povoación da península decidiu por ampla maioría a súa incorporación á Federación Rusa, da que formou parte ate 1954. Logo ampliouse en paralelo co incumprimento dos acordos de Minsk por Ucraína, e o apoio a Kiev por parte dalgúns estados expulsando diplomáticos de Moscova. Ao que se engadiu o boicot ao nord-stream2, e a non legalización da vacina spútnik- na UE. Por se non abondase hai que sumar a intervención e o envío de armamento a Ucraína e a participación activa dos países da UE nas manobras da OTAN nas fronteiras rusas, como agora no Mar Negro.

    A resposta de Moscova terminou chegando, aínda que non era o escenario que prefería. Todo ten un límite, e isto sabíano tanto Washington como Bruxelas. Comezou reforzando o aspecto militar e a economía interna, expulsando igual número de diplomáticos/as, e agora poñendo atrancos aos viños europeos (a denominación de champan). Son medidas que levantan muros que a Moscova non lle quedaba máis remedio poñer en práctica a menos que aceptase ditados externos arbitrarios.

    En principio é un triunfo para os Estados Unidos que busca recuperar a dinámica da Guerra Fría, recompoñendo a estrutura de bloques, malia que neste intre non existan xustificacións de modelo económico: socialismo contra capitalismo. Polo que se forza a división en áreas de incidencia, con outro tipo de argumentos, “democracia” fronte a “autoritarismo”. Ignorando as contradicións internas destas democracias para alén do plano formal, o apoio a todo tipo de ditaduras no mundo, e a golpes institucionais de novo tipo (como en Honduras e Bolivia). Mais non se pode minivalorar que a construción de bloques esta dando pasos de xigante, co obxectivo de illar ás potencias emerxentes, e deste xeito poder gañar a confrontación no plano económico e tecnolóxico que a esta altura están perdendo, especialmente con China.

    Agora ben, o capitalismo hexemónico pode estar calculando mal, abonda con ollar para o crecemento das economías, os avances en tecnoloxía militar e nas vacinas por parte de Rusia, e o desenvolvemento de China na industria e no eido dixital, como o 5G e no ámbito espacial. Non sería máis lóxico, nun intre histórico con problemas tan graves como o ecolóxico, a desigualdade e precariedade, a falta de futuro da mocidade, recoñecer a realidade e buscar puntos de encontro, e fortalecer as regras de xogo internacionais construídas con tanto sacrificio despois da 2ª Guerra Mundial. A globalización neoliberal é a expresión máxima da concentración e centralización do poder e da riqueza, reflicte un capitalismo senil, como o caracterizou Samir Amin. Cómpre respectar a soberanía de todas as nacións, por máis pequenas que sexan, garantir a xustiza social, a igualdade e a solidariedade. Necesitamos unha nova ilustración para rematar coa prepotencia, o machismo, a imposición da forza militar e económica para oprimir e explotar, nacións ou/e persoas. Os demais non son santos. Porén a UE non está poñendo todo seu esforzo na construción dun mundo mellor, colocando en perigo a humanidade,... hai que denuncialo, debatelo, mobilizarse,...

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    15 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito