Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Tempo

magnitude física que permite encadrar un feito xa sexa en pasado, presente ou futuro.

O tempo non existe pero esta aí, sempre, aínda que isto último non se sabe con seguridade. O tempo é un invento dos humanos para ordenar as actividades da vida. Para min sempre será futuro, o tempo só mira cara adiante. Paso dos vellos tempos, deixo constancia deles para que non regresen, e ata son dos de viaxar no tempo. Din que o tempo é o que se encarga de darche ou quitarche a razón, aínda que iso de que é xuíz non sempre resulta certo. Saír do tempo.

Hai diferentes clases de tempo e agora estamos no da democracia, ese no que, se te apartas do rabaño, non cho perdoarán, por iso sabes que estás rodeado de hipócritas. É o tempo dos que mandan porque non serven para outra cousa. Tempo ao tempo, que xa verás. A min dóeme perder o tempo. Todos os tempos foron difíciles. Hai tempo que non pasa. Aburrirse é mascar tempo. Fóiseme o tempo sen darme de conta. Saír do tempo.

O tempo condúcenos aos confíns da nada. O tempo é creación, é poesía. O tempo é irrepetible. Teño que matar o tempo, é o meu maior inimigo. Os covardes temos menos posibilidades de morrer antes de tempo. O enigma do tempo. Para os ingleses a procrastinación é o ladrón do tempo. Facer do tempo destempo. Mañá non pode non existir mañá. O tempo está. Saír do tempo.

Os tres alicerces que fundamentan o atractivo de experimentar o tempo: a novidade, o afán de coñecer e a prohibición. O tempo está tolo. Hai días en que resulta imposible desfacerse do tempo e é cando nos apercibimos de que existe. Tes a sensación de que o mundo non che dá tempo. As gretas do tempo afánanse con morder o inútil esforzo de vivir. Hai quen mira o reloxo porque non lle chega o tempo e hai quen o mira porque non lle dan pasado as horas. Din que o tempo cura todas as feridas. Algo que non é relativo con respecto ao tempo: ninguén pode estar seguro de poder facer algo como non sexa agora. O tempo que che queda sempre é unha promesa, o instante é o único que existe de verdade. Saír do tempo.

“Todo o mundo cre que pode dicir algo cando se fala do tempo, das enfermidades e do ben e do mal. É o sinal da vulgaridade intelectual” (Friedrich Nietzsche). “O tempo é o disfrace do diaño, o que nos destrúe” (Lezama Lima). Unha hora non é só unha hora, é un recipiente repleto de perfumes, sons, proxectos e climas (Marcel Proust). Sen o tempo, esa invención de Satanás, o mundo perdería a angustia da espera e o consolo da esperanza (A. Machado). O espazo ancora o tempo na memoria (Siri Hustvedt). O tempo será sempre un caníbal (Stanislaw Jerzy Lec). A xente habitual pensa unicamente en pasar o tempo; quen ten algún talento, en utilizalo (Arthur Schopenhauer). Todos somos viaxeiros do tempo (Hawking). Podemos cumprir o noso tempo a calquera idade (Cioran). O tempo é pai da verdade e irmán da mentira (refrán galego). O tempo é ouro (refrán español).

Din que o tempo o cambia todo, pero ti xa non esperas tempos mellores, sabes que es un deses tipos, como diría o noso José Luís Alvite, tan escarmentado pola vida que xa só che dás présa para perdelo. Grazas a Cioran sabes moi ben que o devir é o festín da morte e de que calquera luns chegará atravesado ou, simplemente, vestido de negro:

Días negros, /días de soga ao pescozo, /días con cara de poucos amigos, /días coa súa bóveda a rentes do chan, /días de pistola a flor de lingua, /malnacidos sen vergonza, /atravesados, /avesos, retortos. /Os luns: /para quedar na casa.

28 jun 2020 / 02:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito