Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tempo de reflexión

AS vacacións son un bo momento para reflexionar. Despois dun período marcado pola incerteza e por cambios de última hora, aproveitemos estes meses de verán para reencontrarnos na nosa práctica docente dotándoa de sentido nestes tempos convulsos. O debate está aberto e este momento de cambio que vivimos abre a oportunidade para iniciar o camiño cara a unha nova educación.

E como todo cambio necesita unha profunda reflexión, a primeira pregunta que nos facemos é: Para que educamos?

Hai uns días asistín a unha cea coloquio con Nélida Zaitegui organizado por FEAE Galicia, na que un bo grupo de educadores reflexionamos sobre as competencias que debería desenvolver o noso alumnado, máis aló do currículo e das leis educativas, ante os novos retos sociais aos que se enfronta a sociedade. Nélida animounos a debater sobre os retos que se cernen sobre a educación: a incerteza perante un mundo cambiante, a globalización, a dixitalización e os problemas da Casa Común.

Todos coincidimos en que o desenvolvemento do espírito crítico e da creatividade son fundamentais para axudar o noso alumnado a enfrontarse aos problemas da vida e que a educación en valores é prioritaria.

A segunda pregunta ten unha formulación máis holística: Que é educar?

Un bo marco para reflexionar sobre esta pregunta é a declaración de Incheon para a Educación 2030, que baixo o título Cara a unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e unha aprendizaxe ao longo da vida para todos e todas marcou unha nova visión da educación.

Podemos centrarnos nos catro obxectivos que marca a proposta como folla de ruta:

1- A pandemia puxo de manifesto que a educación equitativa é aínda un obxectivo para conseguir. Que cambios estruturais, políticos, orzamentarios e sociais implica achegarnos á xustiza social?

2- Unha educación de calidade supón cambios na formación inicial e permanente do profesorado. Que destrezas debemos desenvolver os docentes? Unha escola que ensina e aprende é un proxecto compartido que integra o traballo en equipo do profesorado coordinado vertical e horizontalmente: Estamos dispostos a conseguilo?

A educación non é responsabilidade única da escola. Edúcase na casa e na comunidade. Que papel lles outorgamos ás familias? Cal é a visión da sociedade do profesorado? Que presenza como escola temos na nosa contorna?...

3- A inclusión real supón cambios drásticos no sistema educativo e non é unha realidade nestes momentos. A escolarización do alumnado xordo e outros colectivos ou os cambios necesarios na FP básica son boa mostra disto.

4- A aprendizaxe ao longo da vida supón desenvolver nos nosos alumnos competencias e habilidades para que cheguen a ser, como debatemos con Nélida, persoas responsables que busquen a súa plena realización e se comprometan na construción dunha sociedade máis xusta, solidaria e sostible.

Educamos o noso alumnado para ser os mellores do mundo ou para ser os mellores para o mundo? Ensinámoslles a ser homes e mulleres para os demais? Introducimos o paradigma da ética do coidado na escola para que aprendan a coidarse, a coidar a outros e a coidar a súa contorna? Como podemos facelo?

Os cambios en educación son lentos, quizais demasiado lentos, pero os tempos convulsos que estamos a vivir poden ser unha grande oportunidade para iniciar cambios importantes que nos permitan avanzar cara aos obxectivos de 2030.

E, por último, do xeral pasamos ao particular para chegar ao miolo da cuestión: Onde me sitúo eu como docente?

Se debatemos sobre o para que, o por que e o quen do Hexámetro de Quintiliano, Por que non aproveitar este tempo de descanso que se nos aveciña para responder outras preguntas? Seguro que identificar o como, con que, o cando e o onde da nosa práctica docente individual axudaranos a reencontrar o sentido da nosa profesión e a repoñer a forza perdida nestes dous anos difíciles que vivimos na escola.

Gozade deste tempo de reflexión!

24 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito