Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tempos de paroladas

    NUNS tempos onde as conversas que nos ofrecen os medios están dominadas pola descualificación e pola aldraxe o contrario, valoro cada vez máis as paroladas intelixentes; esas nas que te encontras tan a gusto, que nin te decatas do paso do tempo. E non penso, precisamente, nas que amosan un gran nivel intelectual senón máis ben naqueloutras nas que empatizas decontado co outro, poste no seu lugar e, polo tanto, entendes, comprendes e toleras. Naquelas en que acabas co sentir de que entre todos, “arranxamos o mundo” con “catro cousas ben ditas” e, o máis importante, escoitas e sentes curiosidade pola persoa que tes ao teu carón , coa compartes leria, porque todo isto lévate a coñecer un pouco máis o outro, a historia e a vida.

    Penso nisto cada vez que vexo o grupo de veciños que colocaron as cadeiras, ao abrigo, na marquesiña de Firmistáns, con cartóns para evitar a friaxe no cu, e sentan a contos á noitiña; vin a mesma escena na Illa de Arousa, e volvín reafirmarme nesta idea nantronte cando me deleitaba, de forma accidental, dunha conversa entre mariñeiros que tomaban o fresco, nunha praciña de Cabo de Cruz. Contaban anécdotas, contos das súas viaxes e, entremedias, soltaban verdades coma puños e reflexións dignas de grandes filósofos: “Aghora non se conversa, hom; aghora, ládrase”; “aínda que cho paresa, nunca naveghas no mesmo mar” ou “ser viaxado dáche moita vida; hai que andar polo mundo para saber por que os demais son como son e fan o que fan; pérdeslle o medo ao que non coñeses”; “Se vives toda a vida no teu nicho, acabas pensando que todo o teu é superior ao dos demais e ese éche un problema. aí si que somos todos ighuais, en considerar o noso ou mesmamente a nós, máis ou mellores ca os outros”.

    Detrás destas reflexións resoa o filósofo Heráclito “nada permanece; todo pasa; nunca nos bañaremos no mesmo río”; a arte de conversar lémbranos a persoeiros como o noso gran Cunqueiro e os seus personaxes, todos grandes oradores; no xenial e magnífico Óscar Wilde que escribiu unha obra centrada nesta temática; o viaxeiro e historiador grego Herodoto que nos descubriu a importancia de “conversar con outras cuturas”... A sabedoría dos nosos maiores xamais deixa de sorprendernos.

    Retomemos a tradición de falar, simplemente, para entreternos; costume que compartimos con outros veciños e pobos como os de Algar, en Cádiz, que acaban de solicitar que a tradición de conversar pola fresca cos veciños nas portas das casas sexa considerada Patrimonio inmaterial da Humanidade.

    15 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito