Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Tensión constitucionalista

    Quizais conviña explicar á xente máis nova (como Pablo Casado ou Inés Arrimadas, pero tamén como Pablo Iglesias ou Alberto Garzón) que os vinte deputados comunistas da lexislatura do 1977, con Dolores Ibarruri e Santiago Carrillo á cabeza, votaron a favor do texto constitucional no pleno do Congreso do 31 de outubro do 1978. Entre os chamados “pais da Constitución”, que traballaron na súa elaboración, figuraba o entón comunista Jordi Solé Tura. Comunistas e socialistas foron os únicos grupos parlamentarios que votaron ao completo en favor da Constitución naquel pleno de votación final do texto que sería sometido a referendo algo máis dun mes despois. Ate no propio grupo de Unión de Centro Democrático -o partido do goberno- houbo dous deputados que romperon a disciplina de voto e se abstiveron, en desconformidade coa disposición transitoria cuarta, que contempla a posibilidade de que Navarra se incorpore a Euskadi (se os cidadáns navarros o deciden en referendo).

    E postos a explicar, quizais habería que recordar -para os que se pasan o día repartindo credenciais de constitucionalistas- que, naquel pleno, o grupo parlamentario de Alianza Popular se dividiu á hora de votar: oito a favor (entre eles, Manuel Fraga), cinco en contra (Silva e Fernández de la Mora os máis destacados) e tres pola abstención. Ademais deses cinco aliancistas, só votou en contra o abertzale Francisco Letamendía. Os que se abstiveron coincidiron cos deputados do Partido Nacionalista Vasco e de Esquerra Republicana de Catalunya, ademais dos xa citados deputados ucedistas.

    Corenta e dous anos despois, aquela dereita á que tanto lle custara sumarse ao consenso preséntase agora como o gardián das esencias constitucionais. Súmanse a ela, como algo máis que gardiáns (cunha sorte de exército na reserva que se permite lanzar advertencias ao rei), eses continuadores directos da ultradereita que nunca aceptou a Constitución e que agora consideran ilexítimo un goberno “social-comunista”. Ironías da evolución histórica. Como irónico resulta que os herdeiros de Convergéncia Democrática, outra das forzas que apoiaron entón a Constitución, que tivo o seu propio “pai constitucional” (Miquel Roca) e que contribuíu a que Cataluña fose unha das catro comunidades que superou o 90 por cento de votos favorábeis no referendo constitucional do 78, sexan agora partidarios da independencia de Cataluña por enriba dos procedementos constitucionais que os seus antecesores aceptaron no seu día.

    Nestes xogos en torno ás esencias hai moito de batallas electoralistas, de cara a comicios xa convocados ou para provocar que se convoquen outros que corrixan derivas nefastas (nefastas para os que non as dirixen, claro). Hai a quen non lles importa realmente a Constitución máis que como arma de destrución masiva e hai quen entra ao trapo e pretende acelerar procesos de reforma para os que non hai aínda apoio social suficiente nin posibilidades de acordo cos inmobilistas.

    Nesa tensión estamos e parece que seguiremos, polo menos ate o remate da lexislatura, e a esperar que os resultados das próximas eleccións xerais satisfagan aos gardiáns das esencias ou que, en caso contrario, non xoguen ao trumpismo.

    Xosé A. Gaciño

    11 dic 2020 / 02:39
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito