Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Terror e verdade

    Hai momentos históricos nos cales calla unha sensación social que facilita o que en termos cinexéticos se coñece como abrir a veda: o que era silencio antes, agora aparece no mostrador da opinión pública. E do que antes apenas se podía falar, agora resulta case obriga facelo coma catarse colectiva. É o que está a suceder cos documentais ETA, el final del silencio (de Jon Sistiaga, Movistar) e El desafío: ETA (Amazon Prime) e as series de ficción Patria (a partir da obra de Fernando Aramburu, HBO) e La línea invisible (de Mariano Barroso, Movistar).

    Unha vez desaparecida a organización terrorista, cómpre distinguir entre esquecemento e amnesia. Unha cousa é tentar superar os traumas (malia a insistencia da dereita española en facer presente constantemente á organización armada) e outra ben diferente actuar como se non pasase nada. E en teoría, estas producións televisivas (e outras anteriores de diverso signo: Operación Ogro, La muerte de Mikel, Yoyes, La pelota vasca, la piel contra la piedra, El Lobo ou Todo por la pasta) pretenden dar luz a un conflito que puxo en xaque ao Estado.

    Pero esta procura dunha certa verdade pode actuar, no fondo, como placebo para coñecer a auténtica verdade. Non só quen foron os responsables dos crimes aínda non resoltos (calcúlanse 379), cuxa autoría nunca se saberá mentres tal coñecemento supoña castigo xudicial. Unha verdade á cal non vai contribuír o que era a contorna de ETA, naturalmente, malia a vontade manifestada pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o pasado xaneiro a proposta do PP, Ciudadanos e Vox.

    Benvida sexa esa procura da verdade pero tería que ir en paralelo con esoutra verdade de saber a quen –de calquera signo- beneficiou a pervivencia do conflito. Beneficios de tipo económico e beneficios de tipo político. Desde os cartos da extorsión ata as empresas de seguridade montadas a causa dos atentados (velaí os irmáns Mayor Oreja, cuxos eventuais intereses foron recoñecidos por un concelleiro do PP en Errenteria). Ou a real dimensión da “guerra sucia” (os GAL, Intxaurrondo), tapadeira en realidade doutros comportamentos ilícitos por parte de policías e gardas civís. Ou noutro orde cousas, o nivel de infiltración ou de confidentes que as forzas de seguridade tiñan no interior de ETA ou da súa contorna política.

    Unhas verdades parciais conformadoras desa verdade total, que resultarían incómodas para algúns sectores abertzales e, de igual maneira, para as estruturas oficiais. Esa é unha das conclusións que podemos tirar da lectura dun libro valente como é Say Nothing, de Patrick Radden Keefe, publicado en castelán como No digas nada e en catalán como No diguis res. Este xornalista norteamericano investigou a morte e desaparición de Jean McConville, de orixe protestante e viúva dun católico, nai de dez fillos, en Irlanda do Norte en 1972. Diversas sospeitas converxían en que os autores eran pistoleiros do IRA, entre eles Dolours Price, e de maneira indirecta Gerry Adams, daquela responsable principal da organización en Belfast e posteriormente presidente do Sinn Féin.

    Keefe non agocha os métodos extralegais da intelixencia británica, da policía nordirlandesa e do exército uniformado. Uns métodos que incluían as execucións sumarias extraxudiciais (preventivas ou non) e que, aparentemente, igualaban as accións dos paramilitares republicanos e lealistas. Ou a contratación de confidentes por diñeiro, que chegou incluso a membros do principal grupo de castigo do IRA. As medias aceptacións feitas polos protagonistas despois da paz non deixan de resultar uns tapóns para acadar unha verdade que no fondo a ninguén interesa sacar á luz.

    A estas alturas, quen asina estas liñas (que xa en 1986 e desde a dirección dun partido de esquerda nacionalista condenou abertamente as accións de ETA) ten a sospeita que o emprego das referencias continuadas a ETA e á súa contorna social, asimilada pola dereita a EH Bildu, partido legal e parlamentario, non ten como obxectivo exclusivo unha ofensiva política contra os partidos do goberno español. Manter vivo o fantasma de ETA conxura o risco dunha auténtica “comisión da verdade”, que podería deixar retratados a uns cantos interesados en alongar o conflito malia o prezo de mortes e dor que houbo que pagar.

    19 nov 2020 / 00:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito