Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 26 enero 2022
10:48
h

Titán das palabras

    A verba enmudece. Silente. O pulso escribidor acouga. Fina o home, queda un inmenso legado de compromiso co país primeiro, ca lingua deseguido. Un titán das letras, da nosa lingua. De plasticidade da expresión e dunha estética inconmensurabel. Baste ler Patria do mar, a perfeicción do sonetista en estado puro, acubillando o italiano con versos de lecer e tamén pensar, reflexión, intelecto. O mar, sempre ese mar que vai e ven.

    Darío Xohán Cabana falecido fai uns días entrou fai moitos anos nese podio dos grandes escritores, grandes a marxe da lingua escollida e sentida. Grande entre os grandes e unha lealtade a identidade cultural do país forte, primorosa, comprometida e absolutamente total. Foi no eido da poesía onde a literatura coñeceu dun xoven, tamén da Terra Chá coma un dos seus grandes mestres, o Manuel, Manuel María –cantas veces os vin os dous naquela imborrabel librería Xistral de Monforte sentados os dous a beira desa mesa camilla onde Manuel escribía e deleitaba a todos cunha conversa única- atraverso dun libriño, Home e terra, que idenfica o ser de Xohán Cabana.

    Foi, é e será un autor e creador total. Verqueu o mellor do seu ser e do seu mundo interior en todas e cada unha das súas obras. Máis de corenta obras que se engadiría a aquela de mocidade seguida de Verbas a un irmao, Romanceiro da Terra Chá. Un apoteósico e imperdibel Patria do mar, poesía en estado puro, coma tamén Amor e tempo liso. Canta de cerca a norte ou A fraga amurallada, símbolos do estudo pola métrica perfeita.

    Seguería cabalgando –Cabalgada na néboa– dunha creación poética dun primeirísimo nivel cun dominio e maestría soberbio das verbas, do verso, da composición estética e rítmica. No meu pobre entender poético a altura doutros xigantes coma o Fiz, o amigo Fiz Vergara, o poeta da Lóuzara xabreira, ese outro Lugo das montanas e da emoción. Xohán Cabana creaba e enfeitizaba emoción, sensibilidade, o detalle artístico e humán. Cun deleite pola lectura, polo aprendizaxe, pola traducción, pola creación única. Non existen millores traduccións das obras de Dante ou Petrarca cas depuradas en varias ocasións e momentos polo escritor galego.

    Darío Xohán dominou outros campos, a narrativa cun colosal Galván en Saor –Roás era a súa vila natal, que escrita o revés é Saor– e os seus soños atúricos, un mundo interior histórico de ficción e máxico que o autor dominou cunha creatividade e orixinalidade únicas. Un dos novísimos, sen dúbida un dos máis grandes, viviu e entendeu a vida coma compromiso e amor a Galicia.

    Compromiso identitatario tamén político dende a coherencia ideolóxica e vital. Militante sen outra bandeira agás a galega. Recoñecementos, premios, entre eles a medalla d’ouro do Concello de Florencia, testimonian un prestixio e reputación únicas. Coma moitos premios poéticos e literarios. Fallaron unha vez máis os políticos o non recoñecerlle esa valía creativa con algún dos premios máis emblemáticos que se fallan ou dan ou otorgan.

    Sen dúbida ningúen millor para toma-lo pulo e alento creativo de Manuel María o ocuparen a súa cadeira académica apenas dous anos despois do pasamento do poeta, alá polo 2006. Deixa Xohán Cabana unha ristreira de pesar e tristura, de agradecemento por unha obra exceicional. Única. Inconmesurábel. Grande en tódolos eidos. Creativa, estética, emotiva, subliminal, perfeita na musicalidade, no rigor, na estética, na verba, na lingua, na composición, na esencia, na alma e, sobor de todo, en Galicia. Profundo pesar e mágoa por unha pruma que se esvaece para sempre mais queda un legado único.

    19 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito